A Xunta destina 134.000 euros ás obras de reforzo do firme da estrada LU-933 na Pobra de Brollón

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de actuar en 2,3 quilómetros para completar a renovación do pavimento entre este municipio e o casco urbano de Monforte, que xa estaba parcialmente executado

A Pobra de Brollón (Lugo), 9 de decembro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade executou nos últimos días obras de reforzo do firme en 2,3 quilómetros da estrada autonómica LU-933 que discorren principalmente polo municipio da Pobra de Brollón.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou que a actuación contou cun orzamento de 134.800 euros e deu continuidade aos traballos acometidos hai uns meses ata a parroquia monfortina de Chavaga, de forma que se completa a renovación do pavimento entre o casco urbano de Monforte de Lemos e A Pobra. A primeira fase rematouse en decembro do pasado ano e supuxo un investimento de 336.400 euros para o acondicionamento de 6,7 quilómetros.

Esta segunda fase desenvolveuse entre os puntos quilométricos 8,800 e 11,100. Os traballos consistiron na extensión dunha nova capa de rodadura con mestura asfáltica en quente en todo o ancho da calzada e o repintado da sinalización horizontal.

Arias destacou o esforzo inversor da Consellería na mellora da rede de estradas autonómicas na provincia de Lugo, co fin de manter as axeitadas condicións de seguridade e funcionalidade.

 

Imaxes relacionadas