A Xunta licita a redacción do proxecto de ampliación e adaptación de espazos do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño, no que se investirán 1,8 M€

O delegado territorial, Luis López, anunciou a apertura da fase de contratación do proxecto, que definirá a mellora dos talleres de FP e as novas salas para atender o incremento do alumnado, nunha visita ao instituto coa alcaldesa, Sandra González

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade proxecta a construción de case 1.300 m² para aumentar a zona lectiva con dez aulas e tamén para incrementar a superficie en administración, área de servizos e zonas de paso

“Temos un compromiso coa educación pública de Tomiño e, tras mellorar os tres colexios, aceleramos o proxecto máis ambicioso no instituto para que as obras poidan comezar o vindeiro ano”, detallou o representante autonómico
 

Tomiño, 9 de decembro de 2021

A Xunta, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, sacou hoxe a licitación a redacción do proxecto para a ampliación e adaptación de espazos educativos e lectivos do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño, no que se investirán 1.803.035 euros.

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, anunciou esta mañá a apertura da fase de contratación deste proxecto, que definirá a mellora dos talleres de Formación Profesional (FP) e as novas aulas para atender o incremento do alumnado, nunha visita ao instituto acompañado da alcaldesa, Sandra González, do xefe territorial de Educación, César Pérez, e de representantes da comunidade educativa.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vai destinar 75.000 euros á redacción do proxecto básico e de execución para a ampliación do IES Alonso Ríos e a empresa adxudicataria disporá dun prazo de tres meses para a súa entrega.

“Temos un compromiso coa educación pública da provincia e, por suposto, coa de Tomiño e o demostramos con feitos, xa que imos mellorar os colexios Sobrada, Pedro Caselles e Pintor Antonio Fernández con máis de 500.000 euros para renovar as luminarias e carpintarías exteriores e agora aceleramos o proxecto máis ambicioso, que beneficiará ao instituto, para que as obras poidan comezar o vindeiro ano”, detallou o representante autonómico.

O proxecto de ampliación e adaptación de espazos do IES Antón Alonso Ríos está orientado a mellorar e incrementar a superficie dos talleres dos ciclos formativos das ramas de electricidade e agraria e a gañar máis aulas, posto que se incrementou a oferta da FP básica en electricidade e electrónica co conseguinte aumento do alumnado, o que dificulta a atención da demanda existente en Bacharelato.

Na actualidade, o IES Antón Alonso Ríos está configurado cun único edificio que reúne as aulas de todas as modalidades educativas: Secundaria, Bacharelato, ciclos formativos e Formación Profesional.

Por elo, a solución proposta pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade pasa pola ampliación do instituto coa construción de case 1.300 m² novos que permitirán aumentar a zona lectiva con 731 metros para dez novas aulas, que serán unha polivalente de FP, talleres para ciclos (2), aulas de Bacharelato (2), salas de apoio educativo e desdobre (2), un seminario, un espazo de foro e unha zona maker.

Así mesmo, na zona de ampliación tamén se incrementará a superficie das áreas de administración e servizos comúns e das zonas de paso, que gañarán un 25% e favorecerán a ventilación e a circulación para conferir unha maior seguridade sanitaria.
 

Imaxes relacionadas