O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o calendario do ano 2022 para a consecución do CAP

A Xunta convoca as probas para obter o certificado de aptitude profesional para o exercicio de condutor de transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade realizará un total de 6 convocatorias de exames de distintas categorías, aproximadamente unha cada dous meses

O prazo de inscrición para a primeira convocatoria esténdese desde mañá ata o día 7 de xaneiro

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria das probas para obter o certificado de aptitude profesional (CAP) para o exercicio de condutor de transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada.

A Xunta realizará ao longo do ano 2022 un total de 6 convocatorias para a obtención do CAP, aproximadamente unha cada dous meses. O prazo de inscrición para a primeira convocatoria esténdese desde mañá e ata o vindeiro día 7 de xaneiro.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta convocatoria: https://bit.ly/309Lhf7

As datas concretas para a realización de cada proba e os prazos de inscrición, que se poden ver afectados pola evolución da covid-19, serán publicados coa necesaria antelación no apartado de formación da páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade: https://bit.ly/3DFaJa7

Categorías


Os exames teñen como obxectivo acadar os certificados profesionais para a condución de distintas categorías de vehículos, é dicir, para camión (C), autobús (D) e remolque (E).

De modo máis concreto, convocaranse exames para as categorías D1, que inclúe vehículos de non máis de 16 pasaxeiros, ademais do condutor e remolque ata 750 kg; D1 + E, que lle engade á anterior descrición o remolque de máis de 750 kg. Tamén se desenvolverán probas para as categorías D, é dicir, vehículos de máis de 8 pasaxeiros e sen límite superior, ademais do condutor e remolque ata 750 kg; ou D + E, que engade á anterior descrición a posibilidade de remolque de máis de 750 kg.

No caso dos camións, convocaranse probas para o certificado C1, para vehículos de 3.500-7.500 MMA, ata 8 pasaxeiros; C1 + E, con remolque de máis de 750 kg; C, para camións de máis de 3.500 MMA e remolque de ata 750 KG; ou C + E, vehículos de máis de 3.500 MMA e sen límite e remolque de máis de 750 kg.

Cómpre lembrar que a Directiva 2003/59/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de xullo de 2003, establece esta nova formación obrigatoria para determinados condutores profesionais.

A convocatoria destas probas correspóndelle á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Dirección Xeral de Mobilidade.

O certificado de aptitude profesional acreditará que o condutor superou os cursos e os exames esixidos e será expedido polos órganos autonómicos competentes para o outorgamento de autorizacións habilitantes para a realización do transporte público discrecional de viaxeiros e mercadorías por estrada.

Estes dispositivos reforzan as garantías de seguridade e transparencia e incrementan a profesionalización e a competitividade no sector do transporte.

Imaxes relacionadas