A Xunta achega 40.000 a 11 concellos lucenses para instalar caudalímetros e fomentar o uso responsable dos recursos hídricos

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que as axudas cubriron o 100% do investimento en máis da metade dos casos

Lugo, 9 de decembro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade achegou 40.000 euros a 11 concellos lucenses para a adquisición e instalación de contadores homologados do consumo de auga, co obxectivo de fomentar o emprego eficiente dos recursos hídricos e reducir a vulnerabilidade fronte a episodios de seca.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, sinalou que se financiaron caudalímetros ultrasónicos ou electromagnéticos ou contadores mecánicos, e podían solicitarse tantos como resultaran precisos para medir o caudal en alta do sistema ou a existencia de perdas ou fugas.

A convocatoria fixaba axudas de ata o 100% do investimento, con límites máximos dependendo do volume de poboación. Así, na provincia subvencionouse o custo íntegro da actuación nos concellos de Ribeira de Piquín, Bóveda, Carballedo, Xermade, Ribadeo e Sober. Alcanzaron a contía máxima de 3.000 euros para municipios de menos de 2.000 habitantes os de Riotorto, Portomarín, O Incio e O Páramo; e Pantón recibiu 6.000 euros, o máximo previsto para concellos de entre 2.000 e 5.000 habitantes.

Arias destacou a colaboración da Xunta coas entidades responsables de sistemas de abastecemento á poboación, “para que poidan xestionar coa maior dilixencia, eficacia e eficiencia posibles as súas competencias nunha materia tan importante como é a xestión dos recursos hídricos”.