O Espello do rural, situado no concello coruñés de Boqueixón, acollerá este evento entre os días 15 e 17 de decembro

A Xunta celebrará a vindeira semana a I Mostra de Calidade Alimentaria no Pazo de Quián

Haberá diferentes presentacións, como a da nova campaña institucional do Goberno galego para promocionar os produtos alimentarios de calidade, así como foros sobre gastronomía e turismo, a filosofía “slowfood” e a Dieta Atlántica, entre outros

Os actos contarán con degustacións e actuacións musicais e tamén estará presente unha “gastroneta” que ofrecerá aos asistentes unha mostra da excelencia da despensa alimentaria da nosa comunidade

Santiago de Compostela, 8 de decembro de 2021

O Pazo de Quián, situado no lugar de Sergude, no concello coruñés de Boqueixón, acollerá entre os vindeiros días 15 e 17 de decembro a I Mostra de Calidade Alimentaria organizada pola Xunta para poñer en valor as producións galegas de calidade diferenciada.

Así, neste marco presentarase a nova campaña institucional do Goberno galego para promocionar a excelencia alimentaria galega, xunto ao Marketplace oficial no que produtores poderán vender estas producións, establecendo contacto eles mesmos co consumidor.

Ademais, haberá ata tres foros diferentes, que versarán sobre gastronomía e turismo, arredor da filosofía “slowfood” e sobre a Dieta Atlántica. Todos eles irán acompañados da degustación de produtos relacionados e dun pequeno concerto musical.

A maiores, no exterior do Pazo de Quián estará presente unha “gastroneta” da Axencia Galega da Calidade Alimentaria que ofrecerá aos asistentes unha mostra da calidade alimentaria galega, presentada nunha caixa con diversos produtos da despensa da nosa comunidade.

Premios

Por outra banda, esta I Mostra, coordinada pola Consellería do Medio Rural, acollerá tamén a entrega dos xa coñecidos premios Exceleite, que supoñen un recoñecemento ás explotacións galegas senlleiras de vacún de leite e avalan a excelencia hixiénico-sanitaria dos produtores de leite cru de vaca, así como os das Catas de Queixos e Meles de Galicia 2021, que galardoan os mellores queixos e meles, entre outras accións.

O horario desta I Mostra será de mañá e de tarde. Así, o mércores 15, entre as 11,00 horas e o mediodía, terán lugar as presentacións do Espello do Rural, do Marketplace e da campaña institucional. Ao día seguinte, neste mesmo horario, será a quenda para a entrega oficial dos premios Exceleite e o venres 17 terá lugar o acto das Catas de queixos e meles. Polas tardes, entre as 16,30 e as 18,00 horas, desenvolveranse os devanditos foros sobre gastronomía e turismo (mércores), “slowfood” (xoves) e Dieta Atlántica (venres).