Política Social promove programas de envellecemento activo no concello de Catoira

Organizaranse actividades para a estimulación cognitiva e física dos participantes, así como obradoiros de formación, artísticos, lúdicos e de animación

Catoira (Pontevedra), 8 de decembro de 2021

A Xunta apoiará o desenvolvemento de programas de envellecemento activo dirixidos a persoas maiores que viven en Catoira. Con este fin, a Consellería de Política Social financiará con 9000 euros diferentes accións encamiñadas á promoción da autonomía persoal e prevención da dependencia entre os veciños de máis idade deste municipio pontevedrés.

As actividades que se desenvolverán ao abeiro deste acordo de colaboración centraranse na estimulación cognitiva e física dos participantes, para o que farán activades relacionadas coa linguaxe, a orientación e o cálculo. Tamén se levarán a cabo exercicios e actividades físicas para incentivar o movemento psicomotriz.

Así mesmo, organizaranse obradoiros de formación, enfocados á adquisición de coñecementos e destrezas dos maiores en distintas áreas: novas tecnoloxías, redes sociais, primeiros auxilios, hábitos saudables e dietas ou igualdade de oportunidades e de xénero.

Ademais, programaranse actividades artísticas, lúdicas e de animación social, con obradoiros de cestaría, pintura e óleo, costura; saídas para coñecer a historia e a contorna do concello; visitas a museos e exposicións ou a realización de actividades interxeracionais coas escolas do municipio.

Con esta programación, ademais de mellorar a calidade de vida dos maiores de Catoira, ofréceselles un punto de encontro e de socialización. Todas as actividades terán lugar no Centro Municipal do Maior.