A oficina de turismo de Luintra en Nogueira de Ramuín gozará dunha maior accesibilidade no vindeiro ano

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda adxudicou as obras por 82.000 € para habilitar unha zona de aparcadoiro e definir unha zona de lecer

Santiago de Compostela, 8 de decembro de 2021.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de adxudicar por 81.779 euros as obras de mellora da contorna e dos accesos ao inmoble que alberga a oficina municipal de promoción turística de Luintra, en Nogueira de Ramuín.

A actuación prolongarase por un período de catro meses, polo que no vindeiro ano esta oficina será máis accesible para os usuarios e gozará dun aspecto más amable e humanizado.

Os traballos consistirán no derrubamento dun edificio para construír un espazo con terraza, facilitando unha zona de aparcadoiro para automóbiles e outra de lecer, así como a mellora da rampla de acceso á oficina de turismo, situada nunha parcela de uso dotacional en Luintra.

Para a execución dos traballos será necesario mellorar o firme con terras de préstamo, axustar a evacuación das augas, estender pavimento bituminoso na zona reservada para o tráfico rodado e formigón para a zona peonil.

A Xunta leva unha década colaborando coas entidades locais a través do chamado Plan Hurbe na execución de intervencións e proxectos urbanísticos como o que propón que contribúan a crear, mellorar ou humanizar equipamentos de uso común e colectivo.

Esta liña de traballo manterase en 2022 grazas a que a Consellería de Medio Ambiente habilitou unha partida orzamentaria de 7 millóns de euros, co fin de contribuír a dinamizar as vilas galegas e a mellorar a calidade de vida dos seus veciños.

 

Imaxes relacionadas