A plataforma de contratos da Administración autonómica publica este contrato ao que se poden presentar ofertas ata o 21 de decembro

A Xunta licita por case 80.000 euros as obras de mellora dos accesos ao novo cámping e ao museo da minaría en Ribas de Sil

Santiago de Compostela, 8 de decembro de 2021.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de licitar por case 80.000 euros as obras para mellorar os accesos e a contorna do novo cámping de San Clodio, en Ribas de Sil, onde se atopa tamén o recentemente creado museo da minaría aurífera romana.

O prazo de presentación de ofertas da actuación, publicada na Plataforma autonómica de contratación, remata o vindeiro 21 de decembro e as obras terán un prazo de execución máximo de 3 meses.

Os traballos consistirán na mellora dos accesos ás actividades didácticas do exterior do museo; a modificación do acceso aos vestiarios, definindo sendas peonís; obras de mellora de vías de acceso; e instalación de mobiliario urbano, como bancos, papeleiras, fontes e sinais verticais.

Tamén se levarán a cabo actuacións de xardinaría e de instalación de rego automático e a canalización de rede de iluminación e alumeado, así como a formación dunha área de servizo para autocaravanas e aparcadoiro interior.

Esta é unha mostra máis do compromiso do Goberno galego á hora de brindar apoio aos concellos co fin de promover actuacións que contribúan a dinamizar as vilas galegas e a mellorar a calidade de vida dos veciños.

Por esta razón, a Consellería manterá esta liña de cooperación cos concellos tamén en 2022, reservando nos seus orzamentos 7 millóns de euros para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.