13 empresas presentan as súas ofertas para dotar de saneamento o núcleo de Reboredo, no concello de Campo Lameiro, cun investimento de preto de 363.000 €

Os traballos, que contan cun prazo de 4 meses, permitirán levar as augas residuais urbanas desta poboación á depuradora existente na Laxe para o seu tratamento

Esta obra enmárcase no convenio de colaboración polo que a Xunta asume o 80% do investimento e o Concello contribúe co 20% restante

Santiago de Compostela, 8 de decembro de 2021

Un total de 13 empresas presentaron as súas ofertas para executar as obras para dotar de servizo de saneamento o núcleo de Reboredo, no concello de Campo Lameiro, cun investimento de preto de 363.000 euros.

A actuación, que conta cun prazo de execución de 4 meses, enmárcase no convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e o Concello de Campo Lameiro para levar o servizo de saneamento ao núcleo de Reboredo.

Segundo ese acordo, a Xunta cofinanciará a actuación nun 80%, ademais da contratación e execución das obras necesarias para levar as augas residuais urbanas á estación depuradora existente na Laxe para o seu tratamento.
Pola súa banda, o Concello de Campo Lameiro contribuirá ao financiamento do 20% restante, ao tempo que asume a tramitación das autorización precisas para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.
As obras serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19.

O núcleo de Reboredo carece na actualidade de sistema de saneamento municipal adecuado, contando unicamente cunha canalización de augas pluviais de recente implantación.

Os traballos proxectados por Augas de Galicia consisten na construción dunha nova rede con 1.386 metros de lonxitude, formada por seis colectores de saneamento de augas fecais, con tubaxe. Os pozos de rexistro executaranse in situ, con cerco e tapa de fundición.

Con esta actuación darase servizo a unha poboación de 65 habitantes para o ano horizonte de 2041.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento, abastecemento e depuración, que son de competencia local.