O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade preside a reunión co Consello Galego de Universidades e explica a folla de ruta que blinda acordada cos reitores ata 2026

O Plan de financiamento universitario 22-26 reforza a investigación cun 41% máis de fondos ata os 400M€

O Consello Galego de Universidades informa favorablemente a previsión para o próximo lustro, que mobilizará 3.200M€, a maior achega feita nunca pola Xunta

Román Rodríguez destaca como “unha prioridade” de goberno este investimento “sen precedentes para seguir construíndo a universidade que queremos”

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presidiu hoxe a reunión do Consello Galego de Universidades, que informou favorablemente o Plan de Financiamento Universitario para o período 2022-2026. Esta folla de ruta, que blinda os orzamentos destinados á universidade pública galega, é a maior achega da historia da Xunta de Galicia a estas institucións, mobilizando 3.200M€ no próximo lustro, 761M€ máis que no período anterior. Ademais, é o primeiro plan que renderá contas á sociedade de xeito específico.

Román Rodríguez destacou de maneira especial a aposta pola investigación, que estará dotada neste novo plan con 400M€, é dicir, un 41% máis que no precedente. Como dixo, o plan “mantén como principios reitores a estabilidade financeira, suficiencia, eficiencia e equidade institucional” e “asume como obxectivo estratéxicos a mellora da calidade da docencia, da oferta e da capacidade investigadora das universidades“.

“A Xunta considera o ensino universitario unha liña prioritaria na acción de goberno e de aí o incremento do esforzo financeiro realizado de cara ao vindeiro quinquenio”, destacou Román Rodríguez. “A través deste investimento sen precedentes buscaremos seguir construíndo a universidade que queremos, a universidade da Galicia do futuro, que aposte pola internacionalización, por establecer sinerxías co mundo laboral e que poña o foco en valores como a sustentabilidade social e medioambiental”, afirmou.

Tamén subliñou que as universidades galegas están a recibir un financiamento por alumno moi superior á media nacional, co 0,71% do PIB, o que nos sitúa como a terceira comunidade autónoma de toda España, moi por riba do 0,58% da media nacional.

Estabilidade e mellora

Entre as novidades do plan, salientou tamén a súa estrutura en dous grandes fondos. O primeiro deles, Financiamento non condicionado, inclúe as partidas para garantir o normal funcionamento das universidades, de xeito que non estará afecto á realización dunha determinada actuación de gasto ou de investimento, senón que serán de plena disposición das universidades. Por outra banda, o Financiamento da Investigación comprende as partidas vencelladas a I+D+i e a transferencia, cuxos créditos deberán ser utilizados polas universidades en medidas de gasto ou de investimento para esta finalidade concreta.

Outro dos fitos do novo plan é a creación dun novo subfondo, no fondo de Financiamento non condicionado, denominado Plan de estabilidade financeira, eficiencia e mellora estratéxica. O seu obxecto é fomentar nas universidades galegas a toma de decisións estratéxicas que incrementen os niveis de calidade e competitividade, mediante a consecución de obxectivos cuxa evolución será obxecto de seguimento anual.

Os obxectivos iniciais deste subfondo pasan pola optimización da oferta docente, polo reforzo institucional dos centros de investigación con recoñecemento da Xunta de Galicia (centros CIGUS) ou pola elaboración e publicación dunha contabilidade analítica, entre outros. No primeiro ano de vixencia do plan estará dotado de máis de 14M€.

Mellora de Infraestruturas

O conselleiro destacou tamén a creación –tamén dentro do Financiamento non condicionado– dun subfondo denominado Gasto corrente e mantemento de infraestruturas, dotado con 28,3M€ anuais, e estruturado en dous compoñentes: gasto corrente e gasto de capital, para que cada unha das universidades poida facer fronte ao custo básico de funcionamento e mantemento das instalacións e infraestruturas.

O reparto deste fondo basearase en datos de persoal, alumnado matriculado en titulacións oficiais e superficie construída. A este subfondo engadirase a creación dun programa de investimentos en materia de infraestruturas en edificios singulares das universidades, que contaría xa en 2021 cun adianto de 4,5M€ vencellado a melloras de eficiencia enerxética, e que se comezará a impulsar a inicios de 2022.

Unha vez aprobado no Consello Galego de Universidades, o Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-2026 continuará a súa tramitación no Consello da Xunta.

Transparencia e rendición de contas

Igualmente, o titular do departamento educativo do Goberno galego explicou que o novo plan avanza ”na aplicación do principio de transparencia e publicidade que debe rexer toda actividade desenvolvida cun financiamento público”. Para iso, o documento inclúe un apartado de rendición de contas, cun cadro de mando que reflectirá os resultados globais das universidades públicas galegas nas súas principais áreas de actuación.

A través deste cadro de mando informarase á sociedade do cumprimento de obxectivos de financiamento (recursos captados, por exemplo), internacionalización (posición en ránkings, profesorado estranxeiro...), relación entre universidade e empresa (spin offs, graos duais, ingresos xerados en I+D), docencia innovadora (taxas de idoneidade, gradación, cambio ou abandono), investigación avanzada (número de teses, publicacións, patentes...) e responsabilidade social (número de mulleres no Persoal Docente Investigador, egresados traballando en Galicia ou esforzo de apoio ao estudantado).

“Deste xeito –explicou o conselleiro–ponse a dispor da sociedade galega unha panorámica dos principais valores e tendencias das universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG), que non é outra cousa que dar a coñecer os resultados acadados polas tres institucións universitarias públicas cos fondos, tanto públicos como privados, dos que dispoñen para o desenvolvemento das súas misións”.

Imaxes relacionadas