A serie documental infantil 'Dic, dac, docs' pode verse desde hoxe no Portal da Lingua Galega da Xunta

O secretario xeral de Política Lingüística presenta os cinco capítulos de proposta didáctica para a aprendizaxe que forma parte do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo

Santiago de Compostela, 7 de decembro 2021

O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, presentou hoxe a serie documental Dic, dac, docs elaborada por Adarme Visual para o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia. Valentín García subliñou a importancia de “produtos tan coidados coma este” dirixidos á transmisión do galego ás novas xeracións “unha tarefa na que desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade queremos apoiar as familias e a escola”. Xunto co secretario xeral de Política Lingüística participaron na presentación os directores do proxecto Dic, dac, docs, David Hernández e Álex Penabade.

Dic, dac, docs é unha serie documental producida por Adarme Visual que pode verse desde hoxe no Portal da Lingua Galega e na canle de YouTube da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Conta co guión de María Reimóndez e mais dos directores do proxecto -Álex Penabade e David Hernández-, a voz en off de María Roja e a música de Iván Blanco.

Dirixida a nenos e nenas de 2 a 7 anos, os cinco breves capítulos que compoñen esta serie teñen a finalidade de facilitarlle á cativada a adquisición de vocabulario en galego. Cada capítulo está dedicado a un tema (a cidade, a horta, a casa, a granxa e os medios de transporte), que será o eixo a través do cal os pequenos descubrirán os elementos e as palabras en galego relacionadas con ese campo. Todos os capítulos están encadrados no ámbito galego e cunha referencia clara á xeografía e á cultura de Galicia.

Dic, dac, docs forma parte do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021-2022. Este fondo, que impulsou un milleiro de iniciativas durante a pandemia, é un repositorio de contidos creativos de interese cultural en galego que a Xunta puxo en marcha ao abeiro do Plan de reactivación do sector cultural para ofrecerlle á cidadanía contidos de ocio en lingua galega ao tempo que se apoiaba economicamente ao sector cultural.