A cidade das Burgas recolle o testemuño de Lugo, onde arrincou esta mostra que conmemora o 50 aniversario da creación do programa Home e a Biosfera (MaB)

Ourense acolle desde mañá a exposición itinerante da Xunta sobre a riqueza natural das sete reservas de biosfera de Galicia

Estará instalada na rúa Paseo ata o sábado 11 de decembro e consta de nove paneis informativos cos que se quere concienciar á sociedade dos valores culturais, paisaxísticos e medioambientais que atesouran estes espazos

Tres das sete reservas de Galicia teñen todo ou parte do seu territorio na provincia de Ourense: Área de Allariz; a Transfronteiriza do Xurés-Gerês e a recentemente declarada Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel
 

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2021

A cidade de Ourense acolle desde mañá a exposición itinerante sobre a riqueza natural que atesouran as sete reservas de biosfera de Galicia. Trátase dunha mostra da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en colaboración co Centro de extensión universitaria e divulgación ambiental de Galicia (Ceida), que ten o obxectivo de conmemorar o 50 aniversario da creación do programa sobre o Home e a Biosfera (MaB) da Unesco.

Estará instalada na rúa Paseo —na súa confluencia coa rúa Bedoya— ata o sábado 11 de decembro. Consta de nove paneis informativos, onde se pon o foco nos valores medioambientais, culturais e paisaxísticos que atesouran as reservas, así como na importancia de apostar polo desenvolvemento sostible para facilitar a actividade económica e social de quen habita estes espazos.

Cómpre salientar que tres das sete reservas de Galicia teñen todo ou parte do seu territorio na provincia de Ourense, motivo polo cal esta se converte na segunda estación da exposición. Trátase das reservas de biosfera Área de Allariz, Transfronteiriza do Xurés-Gerês —a única internacional, compartida co norte de Portugal— e a recentemente declarada Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel.

A lista complétase coa reserva Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo —a única na provincia da Coruña, declarada en 2013—; Río Eo, Oscos e Terras de Burón —a única interautonómica, compartida con Asturias—; Terras do Miño —a primeira en declararse en Galicia, no ano 2002—; e Os Ancares lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.

Así, estes sete espazos suman 1,03 millóns de hectáreas terrestres, o que significa que máis dun terzo —un 35%— de Galicia está amparada por este recoñecemento internacional. De feito, é a segunda comunidade autónoma española con máis superficie reserva de biosfera, tan só superada por Andalucía.

Investimentos de 2022

Co fin de seguir protexendo e conservando estes espazos, a Xunta destinará ao longo do vindeiro ano 6,4 millóns de euros ao impulso de actuacións para a posta en valor da riqueza natural das sete reservas da biosfera.

Os recursos de 2022 permitirán levar a cabo accións e proxectos para desenvolver o seu potencial, que sigan poñendo no punto de mira a nivel mundial as excelencias naturais e paisaxísticas de Galicia.

Ourense recolle o testemuño de Lugo, cidade onde arrincou esta exposición, que continuará o seu periplo en Vigo —onde chegará o 13 de decembro—; saltará a Santiago de Compostela do 18 ao 21 deste mes; en Ferrol poderá visitarse desde o 23 ao 26; na Coruña permanecerá a partir do 28 de decembro ata o 2 de xaneiro; e pechará o seu itinerario na cidade de Pontevedra, onde se poderá visitar no primeiro mes de 2022.
 

Imaxes relacionadas