A Xunta adxudica por preto de 100.000 € a mellora da conectividade entre o balneario e a praza de Augas Santas en Pantón

O contrato estaba reservado a unha empresa de inserción laboral e neste caso será Properdis a que executará as obras

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda adxudicou por case 100.000 euros as obras para humanizar e mellorar o estado actual do viario que conecta o balneario de Augas Santas coa praza que leva o mesmo nome no concello de Pantón.

O prazo de execución previsto é de dous meses, polo que no vindeiro ano este punto da Ribeira Sacra lucirá un aspecto mellorado, ao tempo que se mellorará a accesibilidade e conectividade, tanto rodada como peonil.

Grazas a estes traballos tamén se mellorará a infraestrutura para recoller as augas pluviais, ademais de definirse un muro para delimitar o paseo, colocarse a iluminación na totalidade do viario e instalarse nova sinalización.

Cómpre salientar que o contrato estaba reservado a unha empresa de inserción laboral e neste caso foi Properdis a que resultou adxudicataria.

A Xunta leva unha década colaborando coas entidades locais a través do chamado Plan Hurbe na execución de intervencións e proxectos urbanísticos como o que propón que contribúan a crear, mellorar ou humanizar equipamentos de uso común e colectivo.

Esta liña de traballo manterase en 2022 grazas a que a Consellería de Medio Ambiente habilitou unha partida orzamentaria de 7 millóns de euros, co fin de contribuír a dinamizar as vilas galegas e a mellorar a calidade de vida dos seus veciños.

Imaxes relacionadas