A Xunta publica no DOG a aprobación do cambio de titularidade a prol do Concello de Salvaterra de Miño de 4 estradas autonómicas e de 4 treitos antigos

Transfírense as estradas PO-420 (Taboexa-Vilacova), PO-430, que vai a Leirado, a PO-432 (Salvaterra-Río Miño) e a PO-433, que vai a Cabreira

Tamén se inclúe a transferencia de varios tramos antigos das estradas PO-403, PO-404, PO-409 e PO-420

O cambio de titularidade está previsto no convenio asinado entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello para reordenar e completar o viario municipal e abrir a rúa Galicia, que suporá un investimento autonómico de 500.000€

O Concello asume a titularidade das vías e terá a responsabilidade da súa conservación e mantemento

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2021

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Salvaterra de Miño da totalidade das vías autonómicas PO-420 Taboexa-Vilacova; a PO-430, que vai a Leirado; a PO-432 Salvaterra-Río Miño; e a PO-433, que vai a Cabreira.

Neste enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este Decreto: http://xurl.es/il0hn

Neste acordo inclúese, ademais, a transferencia, na súa totalidade, de varios treitos antigos das estradas da Xunta PO-403, PO-404, PO-409 e PO-420.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Salvaterra de Miño asinaron un convenio de colaboración para reordenar e completar o viario municipal e abrir a rúa Galicia. Co fin de acadar un funcionamento da rede viaria máis acorde ás necesidades do municipio debe materializarse a transferencia das citadas estradas, así como do seu dominio público viario asociado.

Neste convenio, a Xunta asume a financiación íntegra desta actuación, que mellorará as conexións na vila e a mobilidade dos veciños, grazas a un investimento autonómico de 500.000 euros.

Pola súa banda, o Concello de Salvaterra de Miño comprométese a aceptar a titularidade de varios treitos de estradas autonómicas. A entidade local asumiu tamén a realización dos trámites expropiatorios, a redacción do proxecto e a contratación e execución das obras.

A transferencia tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que estable a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.

Co cambio de titularidade, o Concello terá a competencia para actuar nestes treitos e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

O decreto aprobado hoxe polo Executivo autonómico producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.