Luis López recibe á nadadora infantil Daniela Suárez para trasladarlle os parabéns polos seus éxitos e a súa convocatoria coa selección

O delegado territorial destaca o potencial da deportista pontevedresa, do Clube Galaico Sincro, e salienta a súa calidade e esforzo “para destacar nunha modalidade tan dura como é a Natación Artística fóra dos circuítos habituais de Madrid ou Cataluña”

Pontevedra, 7 de decembro de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, celebrou esta mañá unha recepción coa nadadora infantil de Pontevedra Daniela Suárez Garrido para trasladarlle os parabéns, en nome do Goberno galego, polos seus éxitos e a súa traxectoria e pola súa recente convocatoria coa Selección Nacional Infantil.
“Daniela, malia ter só 13 anos, é un prodixio de calidade e esforzo e un orgullo para o deporte de Pontevedra, xa que destaca nunha modalidade moi dura, como é a Natación Artística, e ademais faino fóra dos circuítos habituais deste deporte, como Madrid ou Cataluña, que copan a totalidade das convocatorias nacionais”, salientou o representante autonómico.
Luis López, que recibíu á deportista e aos seus familiares e adestradoras no edificio da Xunta en Campolongo, interesouse pola súa presenza no Equipo Nacional en Madrid durante a primeira parte desta ponte da Constitución e entregoulle uns obsequios do Xacobeo 2021-2022, “xa que temos en Daniela a unha gran embaixadora e abandeirada de Galicia”.
O delegado territorial puxo en valor a traxectoria ascendente desta cativa, pertencente ao Clube Galaico Sincro de Pontevedra, xa que o ano anterior clasificouse como unha das trinta mellores de España en categoría alevín, o pasado mes de marzo acadou a medalla de prata na modalidade de figuras do Campionato de España e agora acaba de ser citada pola Real Federación Española de Natación.

Imaxes relacionadas