A Xunta investirá 40.000 euros na substitución do ascensor da residencia Santa Ana de Ponteareas

O Goberno autonómico cumpre así o compromiso adquirido pola conselleira de Política Social, Fabiola García, co Concello de Ponteareas

O cambio de ascensor mellorará notablemente a calidade de vida de todas as persoas que residen neste centro de titularidade autonómica e xestión municipal

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2021

A Xunta de Galicia investirá 40.000 euros na substitución do ascensor da residencia Santa Ana de Ponteareas. O deterioro que ten o edificio preocupa á Consellería de Política Social, e así llo fixo saber Fabiola García a alcaldesa do Concello na última reunión que mantivo con ela. Comprometeuse a valorar todas as posibles melloras das instalacións deste centro e desde que é coñecedora da averia do aparato elevador propuxo achegar o financiamento para substituílo por un novo.

De titularidade autonómica e xestión municipal, a residencia Santa Ana é un exemplo de cooperación entre Administracións. A Xunta de Galicia destina 500.000 euros anuais ao seu mantemento, ademais doutros investimentos puntuais como a renovación do ascensor, que permitirá mellorar notablemente a calidade de vida dos maiores que viven nela.