Política Social colabora con FAXPG en favorecer a integración e a autonomía da comunidade xorda

Achega preto de 50.000 euros á entidade para desenvolver un programa de atención personalizada

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2021

A Xunta apoia á Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) para favorecer a integración e a autonomía de colectivos especialmente vulnerables da comunidade xorda, como son as persoas xordocegas e as persoas xordas maiores. Con este obxectivo, a Consellería de Política Social financia con algo máis de 49.500 euros un programa de prevención da dependencia que inclúe, entre outros apoios, unha atención personalizada.

Os obxectivos desta iniciativa son propiciar a participación destas persoas na súa contorna familiar e social máis próxima; promover o seu desenvolvemento autónomo; e fomentar o coñecemento e a sensibilización da sociedade en xeral sobre as características e necesidades destas persoas.

Para iso, FAXPG conta cun servizo de mediación social e comunicativa, a través do cal se facilita formación en lingua de signos española tanto ás persoas xordas que a descoñezan como aos seus familiares, e a profesionais de atención directa en centros e servizos dos que son usuarias estas persoas. O programa tamén contempla o acompañamento e apoio para a adquisición de habilidades para a vida diaria.

Ademais de financiar este servizo, a través deste acordo o Goberno galego impulsa accións encamiñadas a favorecer o envellecemento activo de persoas maiores de 60 anos con xordeira severa ou profunda.