A Xunta activa para mañá unha alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias de A Coruña e Lugo

Agárdase vento do oeste forza 8 no litoral da Coruña e mar combinada do noroeste con ondas de 5 a 6 metros na costa de Lugo

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese

Santiago de Compostela, 6 de decembro de 2021

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de activar unha alerta laranxa por temporal costeiro para a xornada de mañá no litoral das provincias de A Coruña e Lugo.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a partir de mañá pola tarde dará comezo un fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa con vento do oeste forza 8 na Coruña -entre Prior e Bares- e na costa de Lugo con mar combinada do noroeste con ondas de 5 a 6 metros. Nas Rías Baixas o nivel de alerta será amarelo con mar combinada do noroeste con ondas de 4 a 5 metros.

Ademais, desde esta medianoite e ao longo da xornada de mañá tamén haberá alerta amarela por precipitacións acumuladas en 12 horas de 40 milímetros no noroeste, oeste e suroeste da Coruña e no interior de Pontevedra, así como ventos do suroeste rolando a oeste con rachas máximas ata 90 quilómetros por hora no noroeste da Coruña e na Mariña lucense.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións .Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.