Política Social crea unha guía que permite detectar e valorar a través de criterios obxectivos posibles situacións de desprotección a menores

Valora-Galicia está dirixido aos traballadores de servizos sociais da Xunta de Galicia especializados neste eido, aos que dota dunha ferramenta para avaliar a gravidade destas situacións e as solucións máis axeitadas

Santiago de Compostela, 6 de decembro de 2021

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, vén de crear unha guía que permite detectar e valorar, a través de criterios obxectivos, posibles situacións de desprotección de menores. O instrumento, denominado Valora-Galicia, está dirixido aos profesionais dos servizos sociais da Xunta de Galicia especializados neste eido.

O obxectivo desta iniciativa é dotarlles dunha ferramenta que lles facilite a investigación e a avaliación das situacións de desprotección que afectan a nenos, nenas e adolescentes a través da achega de criterios técnicos para a valoración da gravidade destas situacións e as correspondentes tomas de decisión.

Coa implementación do instrumento Valora-Galicia na Comunidade o Goberno galego busca mellorar e axilizar a intervención nestas situacións, xa que a utilización dos mesmos criterios e categorías de malos tratos vai permitir un coñecemento máis profundo deste fenómeno e unha abordaxe máis homoxénea.

Ao igual ca outros instrumentos técnicos existentes, Valora-Galicia está deseñada para o seu uso por parte de profesionais capacitados, como orientación, fundamento e apoio ao xuízo profesional, nunca como substituto deste. O seu contido baséase en instrumentos similares implantados inicialmente na Comunidade Autónoma do País Vasco e, posteriormente, na Rexión de Murcia e nas comunidades autónomas de Andalucía, Estremadura e Madrid.

Imaxes relacionadas