A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asistiu á sinatura do acordo entre o presidente da empresa pública e o alcalde

Sogama e o Concello de Cerceda renovan o seu convenio de colaboración ata o ano 2024 por un importe de 2,5 M€

O Goberno local deberá destinar todos os fondos achegados pola compañía a accións de carácter ambiental, cultural e social enmarcadas no desenvolvemento sostible

Santiago de Compostela, 6 de decembro de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), e o Concello de Cerceda acaban de subscribir un novo convenio de colaboración por un importe de 2,5 millóns de euros. O obxectivo do acordo, autorizado polo Consello da Xunta a comezos do mes de novembro, é renovar e enriquecer a colaboración que manteñen ambas entidades tendo en conta que a infraestrutura principal de Sogama está emprazada neste municipio coruñés.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presidiu o acto de sinatura do convenio entre o presidente de Sogama, Javier Domínguez, e o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez. En virtude do mesmo, a compañía pública compromete unha achega de 2,5 millóns de euros que deberá ser destinada polo ente local a accións de carácter ambiental, cultural e social enmarcadas no desenvolvemento sostible.

A duración do convenio será de catro anos, polo que estará en vigor ata o 31 de decembro de 2024, e a contía comprometida dividirase en catro anualidades. Neste sentido, cómpre precisar que os importes están calculados en base á estimación das toneladas de residuos a xestionar por parte de Sogama durante cada ano de vixencia do acordo e o 1,25% do canon establecido de tratamento de residuos.

O abono das cantidades correspondentes a cada exercicio realizarase por parte da empresa pública en dous tramos: o 50% durante o primeiro trimestre de cada anualidade e o 50% restante, ao finalizar o terceiro trimestre, quedando obrigado o Concello, tal e como se contempla na normativa aplicable, a emitir a correspondente certificación.

Un milleiro de empregos para a comarca

Para ambas entidades, o convenio 2021-2024 constitúe unha nova oportunidade para estreitar lazos, reforzar o clima de entendemento entre ambas partes e axudar a que Cerceda, que conta cunha potente industria ambiental xurdida a raíz da implantación de Sogama no seu termo municipal, sexa un referente en sostibilidade e economía circular ao promover o crecemento económico, pero sen renunciar á protección ambiental e ao benestar social.

Neste sentido, cómpre lembrar que a empresa pública xera un milleiro de postos de traballo na zona, entre directos e indirectos, e moitos veciños de Cerceda traballan nas súas instalacións polo que grazas á súa actividade, contribúe a xerar riqueza e crear emprego tanto na propia localidade como no conxunto da comarca.

Así mesmo, Sogama tamén foi no seu momento un importante polo de atracción para outras fábricas e empresas que se foron instalando progresivamente no polígono industrial do municipio e que aportaron o seu esforzo ao desenvolvemento sostible.

Cómpre lembrar que, no seu momento, o Concello de Cerceda aceptou o asentamento da empresa pública, actualmente adscrita á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e que hoxe dá servizo a un total de 295 municipios galegos e conta cunha planta de compostaxe nas súas instalacións, que entrou en vigor no ano 2019.

A integración da compañía coa contorna e a adopción das tecnoloxías máis innovadoras para desenvolver o seu labor industrial co menor impacto, vén demostrar que o progreso e a preservación do medio ambiente e a saúde son perfectamente compatibles.

Imaxes relacionadas