O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias encabezou a delegación galega na 56ª reunión hispano-lusa sobre este eido, que tivo lugar en Mérida

A Xunta constata o reforzo da colaboración transfronteiriza con Portugal en materia de sanidade animal e vexetal

No ámbito animal incidiuse, entre outras cuestións, na necesidade de continuar traballando na redución do consumo de antibióticos nas diferentes especies gandeiras

No terreo vexetal, o encontro serviu por exemplo para poñer en común os avances na loita contra diferentes enfermidades dos cultivos

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2021

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, participou esta semana na 56ª reunión hispano-lusa de sanidade animal e vexetal, que se desenvolveu na cidade estremeña de Mérida, con participación de representantes de ambos países. No encontro, ademais, do director xeral, interviñeron tamén técnicos do seu departamento, neste caso os subdirectores xerais de Gandaría e de Explotacións Agrarias.
Esta reunión serviu para reforzar e intensificar a colaboración entre España e Portugal nesta materia, que interesa especialmente a ambos lados da fronteira, tanto pola proximidade existente entre as explotacións agropecuarias como polos constantes intercambios comerciais entre ámbolos dous países.
En materia de sanidade animal incidiuse, entre outras cuestións, na necesidade de continuar traballando na redución do consumo de antibióticos nas diferentes especies gandeiras, tendo en conta que as súas vendas sitúanse tanto en España como en Portugal por riba da media comunitaria. Ademais, os participantes na xuntanza intercambiaron información sobre a aplicación do novo Regulamento de medicamentos veterinarios que entra en vigor a finais de xaneiro de 2022.
Por outra banda, revisouse a aplicación do novo Regulamento de sanidade animal en relación ao movemento de animais porcinos entre ambos países, con referencia ás certificacións respecto á enfermidade de Aujeszky, e avaliouse a situación da lingua azul nos dous países e dos diferentes sistemas de vixilancia e erradicación desta doenza.

Sanidade vexetal

En relación coa sanidade vexetal, esta reunión serviu para poñer en común os avances na loita contra diferentes enfermidades. Así, por exemplo, acordouse crear un grupo de traballo sobre o control e prevención da Xylella fastidiosa -doenza que afecta a diferentes cultivos- e avaliouse a loita contra a couza guatemalteca da pataca. En relación con esta última, por parte galega informouse dos avances cara a súa erradicación e recibiuse a felicitación da delegación portuguesa á Xunta polo labor desenvolvido neste sentido.

Neste encontro de traballo analizáronse, así mesmo, os resultados prometedores acadados na loita biolóxica fronte a Trioza Eritreae (psila africana dos cítricos) mediante a solta do parasitoide que contribúe a conter as poboacións deste insecto, tanto en territorio español como portugués.

Imaxes relacionadas