A Xunta duplica ata os 40.000€ o límite de vendas para os establecementos adheridos ao Bono Cultura

Dado o éxito da iniciativa autonómica, amplíase o tope para facilitar que a cidadanía poida seguir obtendo descontos en toda a oferta dispoñible ata o 31 de decembro

Diversos negocios chegaron xa o máximo de 20.000€ inicialmente previsto

Desde a súa posta en marcha, lévanse realizadas máis de 27.000 operacións no sector cultural, contribuíndo así a dinamizar a actividade durante o outono
 

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2021

A Xunta de Galicia vén de duplicar o límite de gasto en compras que cada establecemento pode alcanzar co Bono Cultura. A medida adóptase logo de que, no ecuador da campaña, diversos negocios adheridos chegasen ao teito de compras bonificadas inicialmente previsto ou estean próximos.

Deste xeito, cada entidade adherida ao Bono Cultura poderá acadar os 40.000€ de compras, fronte aos 20.000€ fixados ata o de agora. Respóndese así á solicitude de usuarios e establecementos, que ven reforzadas as posibilidades de gozar do desconto á súa libre elección, pois se mantén toda a oferta dispoñible. Igualmente, facilítanse novas vendas por parte dos máis de 560 negocios participantes nesta iniciativa autonómica.

O Bono Cultura da Xunta está en marcha desde o 1 de novembro e desenvólvese con éxito desde os primeiros días, despois de que as descargas dispoñibles se esgotasen en 19 horas. Ao longo deste tempo, realizáronse xa máis 27.000 operacións, unha cifra que aínda continuará medrando, pois os beneficiarios poden empregalo ata o 31 de decembro.

Cultura á metade de prezo

A campaña da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para dinamizar o consumo este outono conta cun orzamento de case 2M€ que poden destinarse á compra de libros, música en CD ou vinilo, produtos audiovisuais como películas ou series en formato físico, videoxogos, entradas para salas de cine, concertos, espectáculos escénicos, museos...

Cada usuario rexistrado ten un bono por valor de 50€ e, en cada compra, obtén un desconto do 50%, que pode usar tantas veces como desexe ata esgotar o crédito dispoñible. Os establecementos poden consultarse en www.bonocultura.gal. Ademais, poden identificarse grazas ao selo distintivo e o material de promoción do que dispoñen.
 

Imaxes relacionadas