A Xunta activa o convenio con Farmamundi para a posta en marcha dunha intervención de emerxencia para atención á poboación da Franxa de Gaza

A intervención de resposta de resposta humanitaria proposta é froito do proceso de diagnóstico realizado por Labour Resources Center (socio local de Farmamundi na zona) e ten como obxectivo específico atender as necesidades nutricionais máis inmediatas da poboación gazatí

O O proxecto prevé a distribución de kits nutricionais, de leite infantil e de protección fronte á COVID-19 entre a poboación identificada en situación de maior vulnerabilidade, beneficiando directamente a 882 persoas en tres meses
 

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2021

A Xunta vén de activar o convenio con Farmamundi para a posta en marcha dunha intervención de emerxencia para atender ás necesidades nutricionais máis inmediatas da poboación da Franxa de Gaza no marco das hostilidades bélicas.

Esta intervención de resposta humanitaria é froito do proceso de diagnóstico realizado por Labour Resources Center (socia local de Farmamundi na zona) e ten como obxectivo específico atender ás necesidades nutricionais máis inmediatas da poboación da Franxa de Gaza en situación de maior vulnerabilidade, no contexto xerado pola escalada bélica do conflito e o bloqueo sistemático que dificulta a entrada de mercadorías a Gaza provocando unha situación de crise humanitaria urxente de abordar.

A presente intervención localízase na Franxa de Gaza, e terá alcance nas 5 provincias que conforman o territorio, concretamente nos campamentos de Jabalia, Ao- Shati, Nuseirat,e Khan Yunis. A intervención terá un custe de 9.000 €.

O proxecto prevé a distribución de kits nutricionais, de leite infantil e de protección fronte á COVID-19 entre a poboación identificada en situación de maior vulnerabilidade, beneficiando directamente 882 persoas en tres meses.

A composición dos kits tomará en consideración elementos culturais e capacidade de conservación dos fogares onde a falta de subministración eléctrica impide a conservación de alimentos frescos e perecedoiros. Tomarase en especial consideración as necesidades nutricionais da poboación infantil. As distribucións serán realizadas polo equipo de Labour Resources Center velando polo respecto das medidas de seguridade, trasparencia e promoción do mercado local detalladas na actividade anterior. Así como respectando as recomendacións da OMS para a prevención do COVID-19 para protexer ao equipo de traballo e á poboación.

Dende o ano 2009 ata agora asináronse doce convenios anuais de resposta ante emerxencias coa organización Farmamundi, primeiro a través da Fundación Axencia Humanitaria de Galicia (FAHG) e, dende a súa extinción, a través da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, por un monto de 789.044 €. Neste ano 2021 asinouse un novo convenio por importe de 50.000€, así coma unha addenda a dito convenio por importe de 40,000 €,con cargo á cal execútase esta intervención.
O obxecto destes convenios é o de realizar as actuacións que ambas partes acorden, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).
 

Imaxes relacionadas