A Xunta destaca que a formación no ámbito da dependencia debe mellorar o servizo, pero tamén previr riscos no exercicio dos coidados

A Xunta desenvolve oito talleres gratuítos dirixidos a 73 persoas en concellos das catro provincias co fin de trasladar boas prácticas de saúde e seguridade laboral ás persoas coidadoras

Mondoñedo (Lugo), 4 de decembro de 2021

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, acompañado da xerente do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, asistiu esta mañá á entrega de diplomas do curso Prevención de riscos laborais en tarefas de axuda a domicilio e atención á dependencia, dirixido a profesionais do sector. Alí destacou que a formación na dependencia “debe estar destinada a mellorar o servizo, pero tamén a previr riscos para os seus profesionais”.
Accións como a de hoxe en Mondoñedo, na que participaron 16 persoas, permitiron analizar boas prácticas na ergonomía á hora de mobilizar persoas con discapacidade motora, riscos químicos e biolóxicos e psicosociais, ou pautas de hixiene postural no desempeño das funcións de coidado.

A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) remarcou, pola súa banda, que supón unha novidade que esta campaña se dirixa á área de benestar social. “Coidar ao medio rural significa coñecer que estes servizos son necesarios por ter unha poboación cada vez máis envellecida e con máis persoas dependentes”, afirmou. Con estas accións a Xunta está a poñer o acento en coidar ao coidador.

O Goberno galego está apostar, así mesmo, pola prevención de riscos nunha actividade moi feminizada que se desenvolve en domicilios particulares das persoas a coidar. Por iso o Issga ven de organizar oito talleres gratuítos, algúns inda en curso, en concellos das catro provincias -Maceda, Ortigueira, Narón, Celanova (dúas edicións), Mos, Viladecruces e Mondoñedo)-, nos que tomaron parte un total 73 persoas.

“O primeiro chanzo para un emprego de calidade e un traballo seguro, e en actividades altamente feminizadas coma esta, é o de redobrar o esforzo e outorgar unha adecuada información cara a garantir a seguridade e saúde das persoas traballadoras”, insistiu Quinzá-Torroja.

Imaxes relacionadas