Un total de cinco empresas presentan ofertas para executar as obras que dotarán ao Hospital do Salnés dunha nova unidade de esterilización que duplicará a actual

Está actuación adaptará o hospital á nova capacidade cirúrxica da que dispón tras a súa ampliación

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2021

Un total de cinco empresas veñen de presentar ofertas para executar as obras de reforma e ampliación da área de esterilización que dotarán ao hospital público do Salnés dunha nova unidade que duplicará a superficie actual dedicada a este proceso, adaptando así a capacidade do seu blóque cirúrxico, tras a ampliación do centro sanitario. A nova unidade de esterilización ten un importe de licitación de 769.617 euros.

O departamento sanitario galego remarca a importante aposta realizada pola Xunta de Galicia para reforzar a calidade asistencial na área sanitaria do Salnés, posto que este hospital da rede do Sergas medrou en superficie e tamén ampliou a súa carteira de servizos.

Ao respecto, o Executivo galego investiu 8,5 millóns de euros cos que se ampliou o hospital, posibilitando contar cunha nova área de urxencias, un bloque cirúrxico dotado con cinco quirófanos, unha área obstétrica que multiplica por cinco a súa superficie anterior, e un hospital de día que conta dez boxes.

Engadido ao anterior, destinouse preto dun millón de euros para adquisición de equipamento, entre o que se atopan cardiotocógrafos, incubadora para a área obstétrica, respiradores BIPAP para urxencias, arco radiocirúrxico e unha torre de endoscopia para o bloque cirúrxico.

Cómpre remarcar, así mesmo, o importante incremento da carteira de servizos do hospital comarcal, ao incorporar nos últimos anos as especialidades de cardioloxía, neuroloxía, ademais da oncoloxía médica.