Sogama recibe un dos ‘European Business Awards’ deste ano polo seu compromiso medioambiental

Durante a entrega de premios celebrada onte en París, o presidente da entidade, Javier Domínguez, subliñou que esta distinción supón un recoñecemento ao esforzo realizado pola empresa pública en materia de xestión sostible dos residuos urbanos

O obxectivo destes galardóns a nivel europeo é contribuír á difusión do talento e a excelencia de empresas, entidades ou persoas que destacan en diferentes sectores pola súa aposta pola innovación e como exemplos de superación e de éxito
 

París (Francia), 4 de decembro de 2021

A empresa pública Sogama, adscrita á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, foi premiada nos European Business Awards 2021, na categoría de compromiso medioambiental. O seu presidente, Javier Domínguez, foi o encargado de recoller o galardón onte en París nun acto no que amosou a gran satisfacción que supón para a Xunta recibir un novo “recoñecemento a todo o esforzo, traballo e ilusión” que se está a realizar desde Sogama para a “mellora ambiental de Galicia, a través da xestión sostible dos residuos urbanos”.

Durante a súa intervención, o máximo responsable da empresa pública autonómica manifestou, ademais, que se trata dun “recoñecemento especialmente significativo” porque, lembrou, “coincide coa conmemoración do Ano Xacobeo 2021-2022”.

Neste sentido, aproveitou a gala para animar a todos os presentes a visitar Galicia, “unha Comunidade cunha beleza natural espectacular, unha paisaxe única, un importante patrimonio cultural e histórico, unha gastronomía de primeira e un pobo hospitalario, xeneroso, solidario e comprometido co medio ambiente”.

Con esta distinción, a organización do evento quixo enxalzar o bo facer de Sogama, empresa á que cualifica como exemplo de economía circular na xestión medioambiental.

Cómpre lembrar que o traballo da Sociedade Galega do Medio Ambiente está avalado por outros premios recibidos nos últimos anos, entre eles, Ardán, que este 2021 volveu a distinguila como empresa referente na economía, outorgándolle os diplomas de empresa circular e empresa igual en xénero.

En 2017 tamén foi recoñecida por Ardán como compañía referente en boas prácticas empresariais; en 2019, como empresa innovadora e xeradora de riqueza; e en 2020, ademais de reafirmarse no ámbito da innovación e a alta produtividade, recibiu igualmente o certificado de empresa circular, atributo que reforzou este mesmo ano.

Ponse así en valor as distintas colaboracións establecidas pola compañía cos grupos de interese e a incorporación de criterios circulares no consumo de recursos e, en xeral, no conxunto dos seus procesos produtivos.
Estes recoñecementos súmanse a outros galardóns tales como o Premio Cantábrico Excelente 2015 e o Premio O Suplemento 2016 no ámbito da xestión ambiental, figurando como empresa destacada no Atlas Galego en Bo Goberno e empresa comprometida co Medio Ambiente 2020, promovido por Economía Dixital.

Premios europeos á empresa

Os Premios Europeos á Empresa naceron coa pretensión de difundir o talento a nivel internacional, permitindo que diferentes firmas se reúnan nun punto xeográfico común co obxectivo de intercambiar ideas, proxectos e referencias.

Os gañadores abranguen os máis variados campos, pero cunha característica común, e é que traballan cada día con gran dedicación nun sector —no caso de Sogama, vinculado á xestión dos residuos urbanos— en permanente evolución e onde a innovación ten un peso importante. Son sempre persoas ou entidades cuxa traxectoria profesional é exemplo de superación e éxito.
 

Imaxes relacionadas