Un total de 10 empresas presentan as súas ofertas para executar as obras de mellora da depuradora de Comboa, en Soutomaior, cun investimento de 390.000 €

Os traballos, cun prazo de 4 meses, céntranse na modernización da planta de tratamento de augas residuais e na incorporación de sistemas de desodorización

A intervención enmárcanse no convenio polo que Augas de Galicia financia as actuacións e o Concello pon á disposición os terreos necesarios e asume as obras rematadas

A Xunta mantén o apoio aos concellos nas súas responsabilidades municipais de saneamento e depuración

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2021

Un total de 10 empresas presentaron as súas ofertas para executar as obras de mellora da depuradora municipal de Comboa, no concello de Soutomaior, cun investimento de 390.000 euros.

Esta intervención, cun prazo de execución de 4 meses, enmárcase no convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e o Concello de Soutomaior para executar as obras de actualización da depuradora, substituíndo equipos e elementos obsoletos.

Segundo ese acordo, Augas de Galicia asume integramente o financiamento, a contratación e a execución das obras de renovación da estación depuradora, adaptándoa á nova normativa.

Pola súa banda, o Concello de Soutomaior debe pór á disposición os terreos necesarios para executar as obras, tramitar as autorizacións precisas para posibilitar a súa realización e asumir, posteriormente, as actuacións que se leven a cabo.

As actuacións serán cofinanciadas no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014/2020.

A depuradora de Comboa púxose en funcionamento no ano 2001. Trátase dunha infraestrutura con instalación fisicoquímica sen tratamento secundario, que na actualidade presenta problemas de xeración de olores e carece dun pozo de grosos previo.

As actuacións proxectadas teñen como obxectivo mellorar o estado das instalacións e incrementar o control sobre a explotación da depuradora, así como a activación de sistemas de desodorización, promovendo no seu conxunto un avance na calidade ambiental da zona.

Na actuación inclúese, ademais, a retirada da cuberta actual e a instalación dunha nova da mesma tipoloxía, a montaxe de equipo de aire acondicionado en sala de control, a colocación dun silo de lodos na zona de entrada á depuradora de 10 m3, así como electricidade e iluminación.

Para seguir progresando nas accións de saneamento da ría, a Xunta avanza na contratación das obras para implantar tratamento biolóxico na depuradora de Vilaboa, que suporán un investimento autonómico de 720.000 €.

Augas de Galicia continúa, ademais, coa redacción do proxecto para executar unha nova depuradora en Arcade, que suporá un investimento de 2 M€ e para a que o Concello de Soutomaior deberá poñer os terreos á disposición.

O departamento que preside Ethel Vázquez presta con estas actuacións apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer as súas responsabilidades dun xeito eficiente e continuar mellorando a calidade da auga e a calidade de vida da poboación galega.