A Xunta de Galicia supera os 2’4 millóns de certificados covid emitidos

¡As oficinas de farmacia integraron nos rexistros da Xunta o resultado das probas de autotest dun total de 58.306 persoas, das que 714 tiveron un resultado positivo

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2021

A Xunta de Galicia emitíu un total de 2.471.358 certificados covid. Deles, 2.383.000 foron certificados de vacinación, 57.109 foron certificados de resultado de proba diagnóstica e outros 31.249 certificados de ter superado a enfermidade.
Ademais, e tras aprobarse por parte do Goberno de España a venda de autotest nas oficinas de farmacia, a Xunta de Galicia asinou, co obxectivo de evitar unha maior carga asistencial na atención primaria, un acordo cos Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia para que as oficinas de farmacia adheridas poidan acreditar a validez dos resultados destas probas e integrar os seus resultados nos rexistros do sistema público de saúde. Até o día de hoxe, as oficinas de farmacia rexistraron os resultados das probas dun total de 58.306 persoas, que permitiron localizar a 714 persoas con resultado positivo.
Así mesmo, a Xunta de Galicia, en colaboración coas áreas sanitarias, estivo a realizar tests de antíxenos de xeito gratuíto nos puntos situados nos diferentes distritos sanitarios. Unha vez que se pecharon estes puntos, o balance final indica que se realizaron tests a un total de 27.816 persoas, o que permitiu detectar 311 casos positivos.

Imaxes relacionadas