A Xunta abre a convocatoria para que os centros deseñen programas de integración das familias na actividade da biblioteca escolar

Esta nova iniciativa da Consellería de Educación, na que poderán participar ata 50 colexios, está dotada con 125.000 €

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 10 de decembro

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2021

A Xunta de Galicia vén de abrir a convocatoria para que os centros educativos deseñen e poñan en marcha programas de integración das familias na actividade da biblioteca escolar ao longo do curso 2021/2022. Baixo o nome Lectura e Familias, esta nova iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade está dotada con 125.000€.

Poderán participar neste proxecto ata 50 centros de todas as etapas educativas que estean integrados no Plan de Mellora Bibliotecas Escolares (PLAMBE). Para facelo deberán presentar a solicitude, incluíndo a descrición das actividades previstas, ata o 10 de decembro no espazo web de Bibliotecas Escolares.

O obxectivo deste novo programa é estimular o deseño e desenvolvemento de iniciativas que favorezan a participación das familias en actividades da biblioteca escolar, destinadas ao conxunto da comunidade educativa ou especificamente pensadas para a formación e a participación destas familias en experiencias de lectura e de traballo coa información e medios de comunicación. Deste xeito, poderán intervir con mellores recursos e eficacia na formación dos seus fillos como lectores e usuarios de información.

Esta acción enmárcase no impulso da participación das familias nas bibliotecas que a Xunta realiza a través do Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) na que se ten avanzado de xeito significativo nos últimos anos a través de programas como os Clubs de Lectura, Hora de ler ou as Mochilas viaxeiras.

Imaxes relacionadas