Trenor destacou o esforzo dos autónomos por trasladar seguridade e confianza aos consumidores durante a pandemia

O delegado territorial da Xunta na Coruña e a xerente da Fundación Pública Galega para o Traballo, Rosanna López, asistiron ao acto de inauguración da XXVII Feira de Mostras da Coruña

A Coruña, 3 de decembro de 2021

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado pola Xerente da Fundación Pública Galega para o Traballo, Rosanna López, asistiron á inauguración da XXVII Feira de Mostras e Autónomos de Galicia. Na súa intervención Trenor destacou o importante traballo da Federación de Autónomos de Galicia que desde a súa constitución en 1993 leva a cabo un gran esforzo para a promoción e dignificación do traballador autónomo e representa a 50 asociacións sectoriais e comarcais que agrupan a máis de 50.000 autónomos en Galicia.

O delegado da Xunta subliñou que “a Xunta de Galicia está sempre presente apoiando este evento e como non podía ser doutra forma tamén o fai este ano” e referiuse á feira como o encontro multisectorial máis importante da nosa comunidade e unha das cinco máis relevantes a nivel nacional.

Trenor apuntou que Xunta de Galicia está acompañando aos sectores máis castigados pola crise derivada da pandemia e lembrou que no marco do Plan de Reactivación para facer fronte á covid 19 só os apoios ao sector do comercio abranguen 70 millóns de euros e que os dous plans de rescate, con fondos propios da Xunta, sumaron máis 180M€ mobilizados para axudar aos autónomos, microempresas e hostaleiros afectados polos peches debido ás restricións sanitarias.

Neste senso, destacou que no campo do emprendemento, en 2022 sentaranse as bases para a definición dunha nova Estratexia do emprego autónomo de Galicia coa que se reforzarán as axudas dirixidas ao inicio da actividade por conta propia e as destinadas a apoiar a continuidade e consolidación do emprego autónomo. Neste senso, o próximo ano desenvolverase o novo programa Empresa Dixital que cun millón de euros prestará apoio ás pequenas empresas na súa adaptación aos cambios tecnolóxicos e á transformación dixital.

 

 


O delegado rematou poñendo en valor todo o voluntarismo que puxo da súa parte este sector para sobrevivir nun contexto de tantas dificultades e cómo soubo trasladar sempre unha mensaxe de confianza e seguridade ao consumidor.