A Xunta celebra unha xornada informativa con veciños e técnicos municipais do concello de Vilagarcía de Arousa sobre o Plan de emerxencias da presa do Con

Representantes da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e técnicos de Augas de Galicia explicaron o contido e as medidas previstas para facer fronte a unha eventual situación de alerta

Os técnicos da entidade hidráulica da Xunta, como responsables de operación da presa, presentaron o Plan de Emerxencia, deseñado ad hoc para minimizar os riscos derivados das inundacións para este tipo de instalacións
 

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 3 de decembro de 2021

A Xunta celebrou esta mañá unha xornada informativa con veciños e técnicos municipais do Concello de Vilagarcía de Arousa sobre o Plan de emerxencias da presa do Con.

Neste encontro, celebrado de xeito telemático, representantes da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e técnicos de Augas de Galicia explicaron o contido e as medidas previstas para facer fronte a unha eventual situación de alerta.

Os técnicos da entidade hidráulica da Xunta, como responsables de operación da presa do Con, realizaron a presentación do Plan de Emerxencia, deseñado ad hoc para minimizar os riscos derivados das inundacións para este tipo de instalacións.

Os Plans de Emerxencia de Presas establecen a organización dos recursos humanos e materiais necesarios para o control dos factores de risco que poidan comprometer a seguridade da presa.

Así mesmo, establecen os sistemas de información, alerta e alarma dos servizos e recursos que haxan de intervir para a protección da poboación en caso de rotura ou avaría grave da presa, e posibilita o que a poboación potencialmente afectada adopte as medidas de autoprotección necesarias.

As presas poden minimizar os efectos das inundacións mediante a laminación das avenidas, e a súa acción é esencialmente beneficiosa. Pese a que o risco de rotura dunha presa é practicamente inexistente, estas infraestruturas contan con plans de emerxencia altamente eficaces e están preparadas ante esa eventual situación.

Augas de Galicia organiza estas xornadas divulgativas nas presas da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, que son de titularidade da Xunta: Eiras, Caldas de Reis, Baiona e O Con.
 

Imaxes relacionadas