O programa Traslaciona Covid-19 da Xunta permite financiar 10 proxectos de investigación sobre o virus

Os preto de 500.000 euros canalizados por este programa proceden das achegas que empresas e particulares fixeron á loita contra a covid-19, dentro da campaña “Botemos unha man!”

O Instituto de Investigación Clínica de Santiago de Compostela (IDIS), acolle catro destes proxectos denominados Covidphy, Reutiliza, Neurocog-covid-19 e Alcovid-19

Estes proxectos de investigación únense a outros 15 financiados con 3 millóns de euros pola Axencia Galega de Innovación, dos cales 5 desenvólvense tamén no IDIS
 

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2021.- A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; o xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa; e a xerente da área sanitaria de Santiago, Eloína Núñez, visitaron esta mañá o Instituto de Investigación Clínica de Santiago (IDIS), onde se desenvolven proxectos e iniciativas orientadas á prevención, o diagnóstico ou tratamento da enfermidade da covid-19, financiados ao abeiro do programa Traslaciona Covid-19.

O IDIS acolle catro dos dez proxectos que a Xunta de Galicia está a financiar a través deste programa, na procura de aproveitar as experiencias e o coñecemento xerado pola crise sanitaria provocada polo coronavirus.

En concreto, o IDIS acolle dúas iniciativas destinadas á prevención desta enfermidade. O Covidphy, no que se realizan mapeos xeográficos sobre a distribución dos diferentes haplotipos virais que se estenderon por todo o mundo; e o proxecto Reutiliza, no que se aborda a reutilización das EPIs mediante o desenvolvemento de técnicas de desinfección e esterilización.

O Instituto de Investigación Clínica de Santiago de Compostela desenvolve tamén o proxecto de diagnóstico Neurocog-covid-19, no que se estuda a incidencia das alteracións cognitivas en pacientes adultos que superaron a enfermidade. Así mesmo, no ámbito dos tratamentos, o estudo Alcovid-19, analiza o emprego de etanol administrado por vía inhalatoria en pacientes covid.

Ademais, a Fundación Biomédica Galicia Sur e a Fundación profesor Novoa Santos acollen outros seis proxectos xurdidos dentro do Sistema Público de Saúde de Galicia.

omeadamente, proxectos para avaliar a eficacia e a seguridade da inmunoterapia pasiva con plasma de doante curado; un traballo de epidemioloxía xenómica e monitoraxe en tempo real do coronavirus en Galicia; sobre a evolución clínica, posthospitalización e secuelas pulmonares da pneumonía grave por Sars-CoV-2; o estudo do Sars-cov-2 como modelo de infección para contribuír á predicción da evolución da epidemia e a optimización das estratexias de Saúde Pública con novas técnicas diagnósticas e virus cultivables; un estudo para avaliar a influencia do tratamento con estatinas, incluíndo tipo e dose, e, finalmente, a influenza do ADN mitocondrial na infección provocada polo Sars-CoV-2 nos perfís clínicos da covid-19.

Fomento da investigación para avanzar na loita contra o virus

Ao programa Traslaciona covid-19, xestionado pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, concorreron un total de 53 proxectos científicos artellados polos profesionais sanitarios, investigadores e grupos de investigación do Sistema Público Galego de Saúde. Así, o pasado mes de outubro a Comisión de selección elixiu 10 deles co ánimo de avanzar no desenvolvemento de terapias, a análise ou as consecuencias clínicas da enfermidade, entre outras. O total das axudas concedidas nesta convocatoria ascendeu a 499.630 euros.
A iniciativa incide na aposta do Sistema Público de Saúde para aproveitar as experiencias e o coñecemento xerado pola crise sanitaria, na procura de acadar novos avances para previr novos brotes, anticiparse a novos eventos adversos e contribuír a mellorar o diagnóstico e tratamento de pacientes infectados pola covid-19. Ademais, pretende apoiar novos tratamentos ou terapias, e desenvolver ferramentas rápidas e fiables que vaian máis aló do estado da técnica para a detección de portadores e persoas sintomáticas sospeitosas de infección pola covid-19.

O financiamento do programa Traslaciona covid-19 foi posible grazas ás aportacións de empresas e particulares destinadas á loita contra a covid-19, dentro da campaña “Botemos unha man!, coa que a Xunta de Galicia habilitou un servizo de doazóns, tanto de material como económicas, para que particulares ou empresas, poidan realizar as súas achegas na loita contra o coronavirus. Unha das finalidades deste mecenado é precisamente o apoio á investigación, aos achados científicos e o desenvolvemento tecnolóxico, que son os responsables de importantes melloras da calidade de vida dos cidadáns.

Por outra banda, tamén a Axencia Galega de Innovación (Gain), a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, lanzou en 2020 unha convocatoria de axudas, dotada con tres millóns de euros susceptibles de cofinanciamento por medio de fondos Feder, a través do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, destinada a recuperar e apoiar aqueles proxectos de investigación galegos que se presentaron á convocatoria de expresións de interese do Instituto de Salud Carlos III (ISCIII), para o financiamento de proxectos de investigación sobre o SARS-CoV-2 e a enfermidade covid-19.
Esta convocatoria resolveuse en novembro de 2020, resultando beneficiarios 15 proxectos de investigación, cinco dos cales tamén están a ser desenvolvidos no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela.

 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. de Sanidade