A Xunta concede un programa integrado de emprego á 'Fundación Juan XXIII' de Pontevedra para un cento de persoas con discapacidade

O delegado territorial, Luis López, informa desta nova iniciativa de formación e inserción nunha visita ás novas instalacións da entidade xunto ao vicepresidente, Alfonso Pérez, o director-xerente, Diego Chapela, e outros dos seus representantes

O PIE, que dá continuidade ás tres edicións anteriores desenvolvidas antes da pandemia, ten un investimento de 250.000€ financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade e agarda alcanzar unha inserción laboral do 36%

“Dende a Xunta cremos que a integración e inclusión das persoas con discapacidade debe abranguer a súa vida laboral e por iso apostamos por este modelo de mellora da empregabilidade con esta fundación”, detallou o representante autonómico
 

Pontevedra, 3 de decembro de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, vén de conceder un Programa Integrado de Emprego (PIE) a prol da Fundación para a Discapacidade e o Emprego Juan XXIII de Pontevedra para impulsar as condicións de empregabilidade, favorecer a inserción e mellorar as oportunidades de traballo dun cento dos seus membros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta nova actividade de formación para a entidade, acompañado da xefa territorial de Emprego e Igualdade, Marta Mariño, nunha visita ás novas instalacións da fundación, emprazadas na rúa Blanco Amor da capital provincial e que acollerán o 80% da actividade do programa de emprego. No acto estivo acompañado polo vicepresidente da Fundación Juan XXIII, Alfonso Pérez; o director-xerente, Diego Chapela; o patrono Antonio Jar; e as técnicas de emprego Susana Pérez e Peregrina García.

“Dende a Xunta de Galicia cremos que a integración e a inclusión das persoas con discapacidade debe abranguer, ademais das cuestións sociais, a súa vida laboral e por iso apostamos por este modelo formativo e de inserción con esta fundación, que leva moitos anos facendo un gran traballo coas persoas con discapacidade e que ten unha magnífica e exitosa traxectoria na celebración dos Programas Integrados de Emprego”, detallou o representante autonómico, en referencia ás tres edicións anteriores celebradas, nas que participaron 286 persoas e das que 132 obtiveron algún contrato.

O PIE outorgado á Fundación Juan XXIII, que dá continuidade ás citadas tres edicións celebradas antes da pandemia, conta cun investimento de 250.000 euros financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade e agarda alcanzar unha inserción laboral de alomenos o 36% entre os seus cen participantes. O seu inicio será inmediato e consistirá en accións de orientación laboral, formación transversal en habilidades persoais e técnicas de procura de emprego, coaching, formación, intermediación, obradoiros de mobilidade laboral, emprego con apoio ou emprendemento durante doce meses, ao tempo que contará coa colaboración de 20 empresas da contorna, algo habitual xa que preto de 200 firmas de Pontevedra, O Morrazo e Vigo xa participaron coa entidade nas edicións precedentes.
“A Fundación Juan XXIII coñece perfectamente as necesidades das persoas con discapacidade e desprega unha ampla política de accións formativas, de inserción e de empregabilidade que son fundamentais para facilitar a súa integración laboral e que merecen o máximo recoñecemento e apoio por parte da Xunta”, sinalou Luis López.

Neste senso, cómpre sinalar que a entidade pontevedresa promove, ademais do citado PIE aprobado polo Goberno galego, os programas de Formación Profesional (FP) Dual adaptada centrada en xardinaría e viveirismo con dez aprendices e o do centro especial de emprego, no que traballan 55 persoas con discapacidade -o 80% con contratos indefinidos- en quioscos e librarías de segunda man, mantemento de xardíns, limpeza de camiños e estradas rurais, conservación de montes ou acondicionamento de praias.
 

Imaxes relacionadas