A conselleira de Política Social participou na clausura do evento, que se celebra na localidade cántabra de Comillas

Fabiola García invita no Seminario da Macrorrexión de rexións do sudoeste de Europa a toda a sociedade a implicarse para superar o reto demográfico

Incidiu na clara vocación de consenso e de permanencia do instrumento vertebrador do Goberno galego neste eido, a primeira Lei de impulso demográfico de España

Comillas (Cantabria), 3 de decembro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, invitou esta mañá a toda a sociedade a implicarse de xeito activo na superación do reto demográfico ao que se enfrontan, non só Galicia e España, senón gran parte do continente europeo. Así o transmitiu nunha mensaxe gravada difundida no seminario do Plan Estratéxico de Gobernanza da OCDE para o despoboamento rural nas Rexións do Sudoeste Europeo (RESOE da Macrorrexión de rexións do Sudoeste de Europa, que se celebrou na Fundación Comillas, en Cantabria, baixo o título Preparando ás rexións para o cambio demográfico.

Galicia Fabiola García expuxo neste foro internacional, no que participan as comunidades que integran a Macrorrexión de rexións do Sudoeste de Europa (Resoe), formada por Galicia, Castela e León, Asturias, Cantabria e as comisións do norte e centro de Portugal, o instrumento legal en torno ao cal Galicia ten artelladas as diferentes medidas para frear a crise demográfica: a Lei de impulso Demográfico.

Perdurar no tempo


A normativa, a primeira aprobada en España, naceu, ademais, cunha clara vocación tanto de consenso, xa que se elaborou coa axuda de expertos, partidos políticos, sindicatos, asociacións e persoas que quixeron realizar contribucións ao texto, como de permanencia no tempo. “A política demográfica, para funcionar”, subliñou a conselleira, ten que perdurar”.

O directo xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, acudiu á clausura deste encontro, no que tivo oportunidade de resolver as dúbidas sobre as medidas que está a poñer en marcha a Comunidade, así como de intercambiar coñecementos e experiencias con outros asistentes ao evento.
 

Imaxes relacionadas