Os usuarios do Centro Ocupacional O Saiar de Caldas e do CAPD de Redondela instalan a decoración de Nadal do edificio da Xunta en Pontevedra

O delegado territorial, Luis López, compartíu a mañá cos participantes nestes centros autonómicos e axudounos na instalación de dúas árbores e outros elementos decorativos elaborados por eles mesmos nas últimas semanas

Ambos centros realizan ao longo do ano unha atención global orientada á integración social e laboral dos seus 156 usuarios que inclúe aulas educativas, talleres ocupacionais, fisioterapia, saídas, piscina ou actividades de ocio

“Quero agradecer, en nome da Xunta, a estes dous centros e aos seus usuarios que fixeran unha decoración tan bonita para este edificio de todos e quero que reciban o noso absoluto cariño”, sinalou o representante autonómico, que pedíu a máxima implicación social coincidindo co Día Internacional das Persoas con Discapacidade

Pontevedra, 3 de decembro de 2021

Os usuarios do Centro Ocupacional O Saiar de Caldas de Reis e do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Redondela instalaron esta mañá a decoración de Nadal do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra, que foi deseñada e elaborada por eles mesmos ao longo das últimas semanas.
Os participantes nestes centros autonómicos que se achegaron ata a capital provincial foron recibidos polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e a xefa territorial de Política Social, María José Pérez-Izaguirre, que colaboraron coa instalación dos distintos elementos navideños nos accesos do inmoble.
Entre os mesmos figuran dúas árbores de Nadal con bolas conmemorativas do Xacobeo 21-22, estrelas, campás de mimbre, cintas, renos de madeira ou elfos de cores, entre outros elementos, e toda a decoración poderá ser contemplada polas persoas que accedan ao edificio ata o vindeiro 10 de xaneiro.
“Quero agradecer, en nome da Xunta de Galicia, o traballo destes dous centros e dos seus usuarios e tamén que se ofreceran a elaborar unha decoración tan bonita para este edificio, que é de todos os galegos e aos que vai dirixido este detalle destas entidades de Caldas e Redondela, polo que creo que volven a darnos a todos unha nova lección de vida e quero que reciban o noso absoluto cariño”, sinalou o representante autonómico, que pedíu a máxima implicación social con este colectivo coincidindo hoxe, 3 de decembro, co Día Internacional das Persoas con Discapacidade.
En canto ao funcionamento destes centros, O Saiar acolle a unhas 40 persoas con discapacidade intelectual das bisbarras de Caldas e O Salnés coas que se traballan as súas destrezas e habilidades para a súa integración social e laboral. Así, dispoñen de catro talleres para actividades de artesanía, encadernación, cesteiría, carpintaría e xardinaría que se complementan con aulas de reforzo para as súas competencias lingüísticas e de matemáticas.
Pola súa banda, o CAPD de Redondela céntrase na atención integral dos seus 116 usuarios con iniciativas como fisioterapia, terapia ocupacional, aulas educativas, obradoiros, iniciativas de ocio, piscina ou saídas, entre outras.

Imaxes relacionadas