A Xunta destaca a implicación do asociacionismo na dinamización do comercio de proximidade de Marín

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou na inauguración da primeira edición de ExpoNadal, organizada polo centro comercial aberto Estrela de Marín e na que participan 14 establecementos da localidade

Marín (Pontevedra), 3 de decembro de 2021

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, asistiu hoxe á inauguración da primeira edición de ExpoNadal Marín, un encontro organizado polo centro comercial aberto Estrela de Marín no que participan durante toda a fin de semana 14 establecementos da localidade.

Manuel Heredia sinalou que iniciativas coma esta deixan de manifesto a implicación e compromiso desta asociación de comerciantes na dinamización e reactivación do comercio de proximidade do municipio pontevedrés.

O apoio ao asociacionismo comercial é un dos eixos de actuación prioritarios dentro da estratexia de apoio ao sector da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que nos últimos cinco anos apoiou con máis de 200.000 euros as diferentes iniciativas que desenvolve ao longo de todo o ano esta entidade.

En ExpoNadal, que se celebra na Alameda coa colaboración do Concello de Marín desde este venres ata o domingo en horario de 11 a 21 horas, ofrécense artigos de moda e complementos, zapatería, decoración, papelería, librería e xoguetería, entre outros.