O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, clausurou as xornadas ‘O porto, motor do cambio de Ferrolterra e A Mariña’, organizadas pola Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao

A Xunta avoga por que o porto de Ferrol siga afondando na diversificación de tráficos para lograr o asentamento de novas empresas

Lembra que a actividade portuaria tanto en Ferrol como na Mariña estivo historicamente vinculada ao sector da enerxía, polo que pide ao Goberno que adopte as medidas necesarias para evitar que a crise enerxética desestabilice a industria e os portos galegos

Reitera a necesidade de acometer unha transición enerxética xusta e planificada, e de fixar un prezo eléctrico competitivo para a industria electrointensiva

Convida ás autoridades portuarias e aos operadores loxísticos e empresariais galegos a participar na elaboración da Estratexia Loxística das Infraestruturas de Galicia
2021-2028

Apunta que, despois de seis meses, o Pacto de Estado por Ferrol segue sen contar coa resposta do Goberno
 

Ferrol, 3 de decembro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, manifestou hoxe que o porto de Ferrol ten que representar unha oportunidade para impulsar a reactivación económica da comarca e, nese sentido, avogou por que siga afondando na diversificación de tráficos para lograr o asentamento de novas empresas.

Na súa intervención nas xornadas O porto, motor do cambio de Ferrolterra e A Mariña, organizadas pola Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao no CIS Tecnoloxía e Deseño, Conde lembrou que a actividade portuaria tanto en Ferrol como na Mariña estivo historicamente vinculada ao sector da enerxía, polo que pediu ao Goberno que adopte as medidas necesarias para evitar que a crise enerxética desestabilice a industria e os portos galegos.

Segundo dixo, nin o peche apresurado da central das Pontes, que deixa sen tráfico de carbón ao porto de Ferrol, nin a situación pola que atravesa Alcoa San Cibrao, contribúen a xerar a estabilidade necesaria para favorecer a recuperación económica de ambas as dúas comarcas. Por iso volveu defender unha transición enerxética xusta e planificada, e un prezo eléctrico competitivo, necesario para toda a industria e, de xeito especial, para a electrointensiva.

O vicepresidente económico destacou que cando estea operativo o enlace de tren a Caneliñas, o porto exterior de Ferrol vaise converter nunha dársena intermodal para a fachada atlántica con capacidade para incrementar a actividade económica de toda a contorna. E, ao respecto, apuntou que a Xunta vai poñer ao servizo deste obxectivo a Estratexia Loxística das Infraestruturas de Galicia 2021-2028, que prevé duplicar o transporte de mercadorías por ferrocarril no ano 2030. Un proxecto que foi presentado este mesmo mes ás autoridades portuarias e operadores loxísticos e empresariais galegos aos que convidou a participar na súa elaboración.

Conde subliñou que na Xunta, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao vai atopar un firme colaborador para identificar oportunidades neste contexto de transición enerxética. Por exemplo, para converter os estaleiros nun Hub de eólica offshore ou para implementar as medidas recollidas no Pacto de Estado por Ferrol, que segue sen contar coa resposta do Goberno.
 

Imaxes relacionadas