O conselleiro do Medio Rural participou na presentación dun convenio entre a empresa Culinaria e a Asociación de Criadores de Galo de Curral de Vila de Cruces

A Xunta celebrará a I Mostra de Calidade Alimentaria do 15 ao 17 de decembro no Pazo de Quián de Boqueixón

José González avanzou que o evento acollerá a entrega dos premios Exceleite e os das Catas de Queixos e Meles de Galicia 2021

Na súa intervención, o conselleiro recordou que a nova Lei de calidade alimentaria de Galicia entrará no Parlamento o ano vindeiro, para exaltar a calidade dos produtos de proximidade, sans e sustentables da nosa comunidade

Vila de Cruces (Pontevedra), 3 de decembro de 2021

A Xunta celebrará a I Mostra de Calidade Alimentaria entre os días 15 e 17 destes mes de decembro no Pazo de Quián, situado no lugar de Sergude, no concello coruñés de Boqueixón. Así o avanzou o conselleiro do Medio Rural, José González, na presentación do convenio entre a empresa Culinaria e a Asociación de Criadores de Galo de Curral de Vila de Cruces para a promoción deste produto como referente de excelencia gastronómica. O titular de Medio Rural estivo acompañado neste acto polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.

Así, o conselleiro avanzou que a I Mostra de Calidade Alimentaria será un encontro de produtos e produtores que ao longo de tres xornadas acollerá a entrega dos xa coñecidos premios Exceleite, así como os das Catas de Queixos e Meles de Galicia 2021, entre outras moitas accións.

Na súa intervención, José González referiuse ao tradicional como ao máis natural, apostando por dar visibilidade ás prácticas máis senlleiras da nosa terra. Nesa liña, lembrou que Galicia, con 36 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, é a comunidade que aglutina máis distintivos deste tipo. Para continuar nesa senda de exaltar a calidade dos nosos produtos de proximidade, sans e sustentables, o conselleiro recordou que o ano que vén entrará no Parlamento a nova Lei de calidade alimentaria de Galicia, que busca servir de panca para este xeito de producir cada vez máis demandado polos consumidores.
A maiores, o titular de Medio Rural mencionou as posibilidades de posta en valor que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, ao abeiro da cal hai xa 14 aldeas modelo aprobadas e máis dunha decena de polígonos agroforestais ligados de xeito prioritario ás producións de calidade.

O galo de Vila de Cruces

Vila de Cruces celebrou neste 2021 a súa XXVII Festa Gastronómica do Galo de Curral, que xurdiu en 1993 co obxecto de promocionar este produto criado de forma natural. Integrado na Rede Europea de Patrimonio Gastronómico que promove os produtos locais e a cociña tradicional, o evento permite poñer en valor a calidade e o sabor dos galos de curral criados nesta localidade pontevedresa.

O convenio entre a empresa Culinaria e a Asociación de Criadores de Galo de Curral de Vila de Cruces enmárcase na estratexia de promoción deste produto. Cabe apuntar que Culinaria é unha compañía de servizos de alimentación cunha traxectoria de máis de 20 anos no sector da restauración colectiva e social.

Imaxes relacionadas