A Ópera folk ‘María Soliña’ escenifícase en Lugo dentro da programación da Xunta para o Xacobeo 21-22

A súa representación mañá no Auditorio Gustavo Freire conta con axuda da Consellería de Cultura, Educación e Universidade a través da convocatoria extraordinaria para favorecer a recuperación das promotoras musicais galegas

O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistiu a un dos ensaios da peza de Nacho Mañá a cargo da Orquestra Sinfónica Vigo 430, coa soprano Patricia Rodríguez como protagonista e coa participación de músicos como Anxo Lorenzo e Anxo Pintos
 

Lugo, 3 de decembro de 2021

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, asistiu a un dos últimos ensaios da ópera folk galega María Soliña, que se escenifica mañá sábado 4 no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo. A produtora galega Nalgures conta para a súa representación co apoio económico da Xunta a través da convocatoria extraordinaria de subvencións para espectáculos musicais como parte da programación do Xacobeo 21-22.

O obxectivo desta liña de axudas é contribuír á recuperación económica das promotoras musicais independentes fronte ao impacto da crise sanitaria. A través dela, distribuíronse 850.000 euros entre 17 ciclos e espectáculos que se desenvolven nas catro provincias ata finais de ano e suman arredor de 100 actuacións, tanto de artistas e grupos galegos como do panorama nacional e internacional.

Mestura pioneira

Neste caso, a ópera asinada polo compositor Nacho Mañá mestura a música clásica coa música folk dun xeito pioneiro a partir da peza teatral A defensa da vila, de Xosé Manuel Pazos, e facendo fincapé nos valores de loita e poder feminino que exemplifica a figura da canguesa María Soliña. Esta combinación entre o clásico e o tradicional queda patente na execución instrumental da Orquestra Sinfónica Vigo 430 xunto coas contribucións do gaiteiro Anxo Lorenzo e do mestre da zanfona Anxo Pintos.

Roc Fargas encárgase da dirección musical, mentres que a escénica é responsabilidade de Sigfrid Monleón. Pola súa banda, a soprano Patricia Rodríguez encarna a María Soliña e o tenor Diego Neira interpreta o papel de Pedro Barba, o seu home. Completan o elenco o contratenor Christian Gil-Borrelli, o baixo Beltrán Iraburu, o actor Lois Soaxe como narrador e o coro de Arreneghadas.

As entradas para a ópera folk María Soliña atópanse á venda a un prezo de 15 euros na web de Enterticket. Tamén poderán adquirirse mañá no despacho de billetes, onde o custo será de 18 euros.

 

Imaxes relacionadas