Alumnado do Centro de Educación Especial López Navalón presenta as pezas creadas para a entrega dos Premios Rebulir de Cultura Galega

O conselleiro Román Rodríguez subliña que estas pequenas estatuas “simbolizan os lazos entre o noso sistema educativo e o sector cultural” ao tempo que recoñecen “o traballo dos rapaces de todos os centros de Educación Especial de Galicia”

Santiago de Compostela, 3 de decembro 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, recibiu hoxe, da man dos seus autores -os rapaces do Centro de Ensinanzas Especiais Manuel López Navalón, de Santiago- as pezas conmemorativas dos Premios Rebulir da Cultura Galega que se entrarán no marco da gala central do XVII Festival Internacional Rebulir (FIR) o vindeiro día 18 en Celanova (Ourense).

No acto de recepción, no que estaban presentes o director do festival así como profesorado do centro e unha representación dos alumnos participantes, Román Rodríguez destacou que estas pezas supoñen “unha gran ocasión para tecer lazos entre o noso sistema educativo e o sector cultural” ao tempo que se recoñece “o traballo do alumnado deste e de todos os centros de Educación Especial de Galicia”. Engadiu tamén que “é un acto público de agradecemento aos alumnos polo seu traballo, xa que non poden asistir á gala dos premios”. A presentación das obras coincide co Día das Persoas con Discapacidade, que se celebra hoxe.

Desde hai tres edicións os estudantes do CEE López Navalón son os encargados de elaborar as pezas para os premios Rebulir, uns galardóns creados en 2012 co obxecto de recoñecer a persoas e colectivos pola súa contribución á difusión e posta en valor da cultura.

As catro pezas desta edición foron elaboradas por alumnado do programa formativo básico de Cerámica do centro. Tres delas irán destinadas aos premiados que nesta ocasión son o músico Xabier Díaz, o programa Xabarín Club e o escritor Anxo Angueira. A cuarta pequena estatua, como recoñecemento especial a determinados colectivos ou entidades, será para os emigrantes retornados de Venezuela.

Imaxes relacionadas