O Diario Oficial de Galicia tamén publica hoxe a aprobación da información pública desta actuación, que suporá un investimento de case 1,9 M€

A Xunta aproba o proxecto de construción das sendas nas marxes das estradas autonómicas OU-105 e OU-536 e na Avenida de Ponferrada, no Concello de Ourense

Poranse a disposición dos veciños máis de 3,5 quilómetros de novos itinerarios de uso compartido, de ancho variable mínimo de 1,80 metros, con elementos de separación da estrada e con nove refuxios nas distintas paradas de autobús

No primeiro trimestre de 2022 convocarase o levantamento de actas previas das expropiacións e licitaranse as obras, para comezar as obras a mediados de ano

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade aprobou o proxecto construtivo das novas sendas nas marxes das estradas autonómicas OU-105 e OU-536 e na avenida de Ponferrada, no concello de Ourense; como recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG).

Esta actuación de fomento da mobilidade sostible e de reforzo da seguridade viaria suporá un investimento da Xunta que rolda os 1,9 millóns de euros e permitirá dotar o municipio de Ourense de máis de 3,5 quilómetros de novos itinerarios.

O Diario Oficial de Galicia tamén recolle hoxe a aprobación do expediente de información pública deste proxecto. No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa a esta resolución: https://bit.ly/3xQ2nuH

Onte mesmo o Consello da Xunta autorizou o decreto de declaración de utilidade pública para as expropiacións dos 45 predios precisos para impulsar esta actuación, cuxo pagamento está incluído no orzamento das obras.

A previsión do departamento de Infraestruturas da Xunta é convocar o levantamento das actas previas das expropiacións e licitar as obras no primeiro trimestre de 2022, para o inicio dos traballos a mediados de ano. Os traballos contan cun prazo de execución de seis meses.

A intervención comprende actuacións na marxe dereita da estrada autonómica OU-105, no treito de algo máis de 850 metros da Ponte Sevilla, entre o punto quilométrico 0+030 fronte ao concesionario localizado xunto á glorieta, e o punto 0+845 onde se atopa a parada de autobús próxima ao tanatorio. Este treito de senda ten, ademais, continuidade nas obras en execución da segunda fase da mellora da seguridade viaria da OU-105 en Seixalbo.

Tamén inclúe a execución dunha senda de case 1,5 km na estrada OU-536, na Rabaza, entre os puntos quilométricos 0+960, á altura do paso de peóns no cruce co Camiño de Souto Sanín, e ata o punto quilométrico 2+400.

Esta actuación complétase na avenida de Ponferrada, coa construción doutra senda, desde o nº 249 da avenida Buenos Aires ata a glorieta existente no punto quilométrico 1+950 da OU-536, na Rabaza. Ademais na marxe contraria a esta senda, executarase en dous treitos, dos puntos quilométricos 0+910 ao 1+110 e do 0+980 ao 1+070, unha gabia de seguridade revestida de 1 metro de ancho.

Nestas tres estradas habilitaranse sendas de uso compartido, de ancho variable e un mínimo de 1,80 metros. Irán adosadas pola marxe esquerda da estrada no caso da vía OU-536 e na avenida de Ponferrada; e pola marxe dereita no caso da estrada OU-105.

O proxecto redactado polo departamento de Infraestruturas da Xunta inclúe a disposición de nove refuxios nas distintas paradas de bus na traza pola que discorren as sendas.

Os itinerarios estarán separados das estradas por diferentes elementos, en función das necesidades. Estes elementos de separación poden ser unha cuneta revestida de ancho 1,20 metros e con perfil de seguridade; unha franxa de vexetación de 50 centímetros da ancho; un bordo de prefabricado de 22x15 centímetros; ou a combinación dos tres elementos anteriores, segundo o tipo de sección adoptada.

Plan de Sendas de Galicia

Estes novos itinerarios enmárcanse no Plan de Sendas da comarca de Ourense e contan coa cofinanciación dos fondos europeos FEDER.

Este plan recolle un investimento de 6,4 millóns de euros que permitirá habilitar máis de 16 quilómetros de novas sendas nas estradas autonómicas da comarca de Ourense, a través da licitación de 6 obras.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue a traballar na execución de novas sendas nas estradas de titularidade da Xunta para favorecer os desprazamentos dos cidadáns a pé ou en bicicleta dun xeito máis cómodo e seguro co fin de fomentar a mobilidade sustentable.