Trenor destaca que os Premios Emprende Coruña 2021 recoñecen o traballo dos novos empresarios e contribúen a poñer en valor o seu talento

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, participou na entrega dos XXII Premios Emprende Coruña 2021 organizada pola Asociación de Jóvenes Empresarias e Empresarios AJE

Oleiros (A Coruña), 2 de decembro de 2021.- O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, participou esta tarde na entrega dos XXII Premios Emprende Coruña 2021 organizada pola Asociación de Jóvenes Empresarias e Empresarios da provincia da Coruña AJE.

Na súa intervención felicitou aos premiados e destacou que este recoñecemento implica poñer en valor o talento e a aposta pola innovación dos nosos emprendedores máis novos. “A economía, neste momento, precisa de proxectos e emprendedores con moito talento para afrontar a recuperación económica e poder crecer máis, mellor e de forma sustentable”, subliñou e destacou que “estes premios contribúen á dinamización económica desta comarca, que é un obxectivo no que sempre van a atopar á Xunta de Galicia”.

Ao mesmo tempo, puxo en valor o labor de AJE na provincia da Coruña porque sempre están a disposición dos seus asociados para ofrecer asesoramento e colaboración a cada nova iniciativa na zona. Trenor lembrou que os orzamentos do ano 2022 do Goberno autonómico destinan 2.600 millóns para a recuperación da economía galega dos cales unha parte importante irán destinamos a fomentar unha economía dixital e sustentable en todo o tecido empresarial.