Ángeles Vázquez anima ás empresas galegas a combinar innovación e sostibilidade para crear emprego verde

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, mantiveron hoxe un encontro con pemes da contorna de Melide no marco da iniciativa itinerante ‘Camiño da Innovación’

Melide (A Coruña), 2 de decembro de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, animou esta tarde ás empresas galegas a apostar pola innovación e a sostibilidade como unha combinación clave para ser máis competitivas e xerar novos empregos desde o respecto á natureza e o medio ambiente.

Durante un encontro con dúas emprendedoras da contorna de Melide, que no marco da iniciativa da Xunta Camiño da Innovación compartiron hoxe cunha ducia de empresarios da zona os proxectos innovadores que están a desenvolver nos seus negocios, Ángeles Vázquez lembrou o esforzo realizado na Comunidade durante a última década para avanzar na busca de solucións tecnolóxicas e novidosas que fortalezan o sistema produtivo, apostando pola colaboración entre entidades do eido público e privado.

Con este mesmo obxectivo de establecer sinerxías, avanzou que en 2022 empezará a funcionar a Alianza galega polo clima, unha iniciativa impulsada pola Consellería para facilitar a unión entre tecido empresarial, asociacións profesionais e administracións fronte ao cambio climático. “Falar dunha Galicia innovadora é falar dunha Galicia verde”, insistiu a conselleira, que engadiu o gran potencial que ofrece a chamada economía verde para as empresas galegas, sobre todo en sectores como a construción, as renovables ou os procesos relacionados co tratamento de residuos e a economía circular.

Pola súa parte, a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, animou ás pemes da área de Melide a aproveitar as vantaxes de innovar para ser máis competitivas e medrar, ao tempo que apuntou que “a innovación está ao alcance de todas as empresas, con independencia do seu tamaño, localización ou sector”.

Argerey sinalou que esta é unha prioridade para a Xunta de Galicia, xa que as pequenas e medianas empresas constitúen o motor da economía galega. Así, co obxectivo de acompañalas no proceso da innovación, púxose en marcha o Programa de Impulso da Innovación nas Pemes, no que se enmarca a iniciativa Camiño da Innovación. Tras 18 paradas por toda Galicia, esta oficina itinerante finalizará a súa xira o vindeiro 9 de decembro no concello lucense de Meira.
 

Imaxes relacionadas