A Xunta avanza na implantación da gratuidade no primeiro ciclo de educación infantil coa Asociación de Escolas de Infantís de Ourense

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, acompañado do delegado da Xunta, Gabriel Alén, reuniuse esta tarde cos representantes da entidade, que aglutina preto de 15 centros da provincia

Ourense, 2 de decembro de 2021

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, mantivo esta tarde unha reunión cos representantes da Asociación de Escolas Infantís de Ourense (AEIOU) para avanzar na implantación da gratuidade do primeiro ciclo de Educación Infantil de cara o vindeiro curso.

Esta medida, que Galicia puxo en marcha en abril de 2020 para os segundos fillos e sucesivos e que ampliará en setembro tamén aos primoxénitos, beneficiará aos alumnos de todas as escolas infantís da Comunidade, independentemente da súa titularidade: pública autonómica, municipal e de iniciativa social ou privada. As previsións estiman que esta iniciativa beneficie a arredor de 20.000 nenas e nenos galegos, para o que o Goberno galego destinará máis de 30 millóns de euros só no vindeiro curso.

A Asociación de Escolas Infantís de Ourense aglutina arredor de 15 centros de iniciativa privada repartidos por toda a provincia. Durante a reunión os representantes autonómicos e os responsables da entidade fixeron balance do actual curso escolar, que valoraron como moi positivo.

Imaxes relacionadas