Galicia aposta por unha revisión da política pesqueira común que impulse a remuda xeracional e converta a pesca nunha opción atractiva para a xente nova

A comunidade traballa nunha estratexia ante a posible reforma da PPC que promove o reforzo da cohesión social e económica, a innovación tecnolóxica e a mellora das condicións de traballo e vida a bordo dos buques

A proposta galega, que será avaliada polo Consello Galego de Pesca, fai fincapé na importancia de renovar as frotas, de apostar pola contratación de profesionais cumprindo todos os estándares europeos en materia laboral e de estimular a igualdade de xénero impulsando a presenza de mulleres a bordo dos pesqueiros

A Xunta defende a necesidade de que todos os actores do sector pesqueiro teñan as mesmas regras de xogo e que exista un equilibrio na relación con outros estados do Espazo Económico Europeo ou o Reino Unido

O Executivo galego lembra que o sector pesqueiro é a solución para unha alimentación saudable, rica en proteína e cunha menor pegada de carbono que outras actividades

A folla de ruta de Galicia enxalza o papel das organizacións rexionais de pesca e defende a necesidade de que a Unión Europea promova a súa creación alí onde non existen para atallar a pesca ilegal e o crecemento incontrolado dalgunhas frotas

O Consello da Xunta de Galicia analizou hoxe a proposta de base que o Executivo galego presentará ao Consello Galego de Pesca para a súa análise e a emisión do correspondente ditame de cara á revisión da Política Pesqueira Común (PPC), na que Galicia aposta porque haxa un equilibrio entre os aspectos medioambientais e socioeconómicos facendo un esforzo especial na consecución da remuda xeracional para converter a actividade nunha opción ben remunerada e atractiva para a xuventude europea.

Este documento lembra o papel esencial da proteína mariña na seguridade alimentaria así como que a súa obtención por medio do sector pesqueiro conta cunha baixa pegada de carbono, especialmente no que se refire á frota artesanal.

A posición galega, que fixou o seu punto de partida no Consello Galego de Pesca celebrado en setembro, pasa por unha solución europea e europeísta que reforce a cohesión social e económica, a innovación tecnolóxica e a mellora das condicións de traballo e vida a bordo dos buques. Neste sentido, o documento pretende destacar as reformas que serían recomendables desde o punto de vista de Galicia -a principal rexión pesqueira da Unión Europea- incidindo en cinco grandes grupos de asuntos: unha PPC social e de futuro, un comercio pesqueiro xusto coas mesmas regras de xogo, unha pesca sustentable e compatible coa conservación da biodiversidade, un sector adaptado ao cambio climático e a cogobernanza global como base para a sustentabilidade da actividade.

Galicia entende que a recuperación de moitas especies dos caladoiros atlánticos e a tendencia equilibrada en termos económicos deben levar a que a política comunitaria poña o foco no aspecto social, coa remuda xeracional como gran reto. Para afrontalo, a comunidade considera vital acometer a renovación tecnolóxica das frotas, mellorar as condicións de habitabilidade e seguridade a bordo e converter a profesión nunha opción ben remunerada e atractiva para a xuventude europea.

Para logralo, o Executivo galego considera fundamental facer fincapé na modernización dos buques -que non ten por que implicar maior capacidade de pesca-, certificar a contratación de profesionais con todos os estándares europeos en materia laboral e estimular a igualdade de xénero dando visibilidade ás mulleres e impulsando a súa presenza a bordo dos buques pesqueiros, para o que tamén é indispensable a renovación da frota.

Outro aspecto transcendental para o futuro do sector pesqueiro galego que recolle o informe é o comercio pesqueiro xusto -o level playing field- no que todos os actores teñan as mesmas regras de xogo e impedindo o acceso ao mercado comunitario daqueles que non cumpran coas normas establecidas. Neste contexto, a frota galega considera fundamental loitar contra as subvencións existentes en terceiros países, que lastran a competencia no mercado comunitario, e que haxa un equilibrio na relación con outros estados do Espazo Económico Europeo ou o Reino Unido.

Nesta liña, o informe lembra que non existe unha política fiscal homoxénea nin a nivel comunitario nin internacional en aspectos como as bonificacións ao combustible profesional polo que avoga porque a Unión Europea presente ante a Organización Mundial do Comercio (OMC) unha proposta para homoxeneizar os gravames en todos os países e evitar distorsións e o falseamento da competencia.

Alimentación saudable

En canto á pesca sustentable e compatible coa conservación da biodiversidade, Galicia lembra que o sector pesqueiro é a solución para unha alimentación saudable, rica en proteína e cunha menor pegada de carbono que outras actividades. Por iso, defende a importancia de garantir o seu futuro e de velar porque haxa un equilibrio entre as políticas ambientais e as pesqueiras, tendo en conta a relevancia socioeconómica da pesca artesanal nas zonas costeiras.

Precisamente na adaptación ao cambio climático, a proposta galega ve crucial que os aspectos medioambientais, económicos e sociais estean ao mesmo nivel, recoñecendo o papel das actividades marítimas -pesca e acuicultura- na consecución dunha alimentación saudable e apostando polo desenvolvemento de sistemas de propulsión de buques neutros en carbono para descarbonizar o sector marítimo.

O quinto aspecto prioritario para Galicia de cara á revisión da PPC é a cogobernanza global como base para a sustentabilidade da actividade, un aspecto no que xogan un papel determinante as organizacións rexionais de pesca (ORP). O informe salienta que o 80% dos desembarques actuais de peixes proceden de poboacións explotadas de xeito sustentable e que os peores datos proceden daquelas zonas que carecen de ORP. Por iso, a proposta galega defende a necesidade de que a UE promova a creación destas organizacións alí onde non existan para contribuír a atallar a pesca ilegal e o crecemento incontrolado de determinadas frotas que empregan a traballadores en condicións precarias.

Próximos pasos

O documento que analizou hoxe o Consello da Xunta entregarase mañá ao grupo de traballo sobre a PPC creado no seo do Consello Galego de Pesca co obxectivo de definir a proposta de ditame e a redacción do mesmo. A finalidade é que o resultado dese traballo sexa avaliado e aprobado polo Consello Galego de Pesca antes da súa presentación ao resto de rexións pesqueiras europeas.

Neste sentido, Galicia manterá contactos coas autoridades pesqueiras de varias rexións da UE para alcanzar posicións conxuntas e impulsará un cumio -ben en territorio galego ben noutra rexión europea- co obxectivo de debater sobre a política europea e as necesidades do sector. Ao mesmo tempo, buscarase o apoio das principais organizacións pesqueiras comunitarias e trasladaranse todas as xestións aos parlamentarios do Congreso dos Deputados, Senado, Parlamento galego e Eurocámara para que realicen as actuacións que consideren oportunas na defensa dos intereses da pesca galega.

Imaxes relacionadas