O director xeral de Atención integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, compareceu na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego para falar sobre o novo modelo de residencias

A Xunta fará unha integración tecnolóxica nas residencias para unha maior seguridade dos usuarios e para optimizar o traballo dos profesionais

Farase unha transformación e integración dos sistemas de información e comunicación residencial e facilitarase o traballo dos profesionais con monitores multiparamétricos que axilicen o rexistro e melloren a seguridade e trazabilidade de datos dos usuarios

Estudaranse as potencialidades da teleasistencia avanzada no ámbito residencial e integraranse sensores e dispositivos para atender a emerxencias

Tamén se buscará mellorar a comunicación dos usuarios cos seus familiares e realizarase un programa tecnolóxico de promoción da autonomía persoal

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2021

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, respondeu esta mañá na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego a unha pregunta sobre o novo modelo de residencias. Durante a súa intervención explicou que esta proposta atenderá a tres liñas estratéxicas: unha mellor seguridade dos usuarios, a potenciación da seguridade e comodidade dos centros e a optimización do tempo de traballo dos profesionais.

Antón Acevedo apuntou que ante a revolución dixital que estamos a vivir é importante integrar a tecnoloxía nos sistemas de información e comunicación residencial, e tamén na dixitalización dos coidados. Para iso, melloraranse os sistemas de información entre os centros e tamén a xestión e trazabilidade de datos para evitar duplicidades e mellorar a comunicación co ámbito sanitario. Ademais, facilitarase o traballo dos profesionais con monitores multiparamétricos que axilicen a informatización e integración dos datos de cada usuario.

Paralelamente, tamén se estudarán as posibilidades da teleasistencia avanzada no ámbito residencial para garantir a seguridade das persoas usuarias e procurar un envellecemento activo e saudable. Así mesmo, estanse a integrar sensores e dispositivos para dar unha resposta rápida ante unha emerxencia, e que permitan facer seguimento proactivo de hábitos de vida e parámetros sanitarios anticipandonos a cambios importantes para súa saúde, e tamén ferramentas tecnolóxicas para mellorar a comunicación dos usuarios cos seus familiares e un Programa de Fogar Residencia Intelixente que facilite a promoción da autonomía persoal con xogos e actividades físicas e cognitivas.

Centros públicos autonómicos

En definitiva, o director xeral resaltou que o obxectivo é ofrecer a través da tecnoloxía unha solución a problemas e necesidades coñecidas dentro do ámbito residencial. O Goberno galego, lembrou, comezará a implantar este novo modelo en todas as residencias públicas autonómicas de Galicia durante o ano 2022 logo de iniciar a transformación no centro público da Estrada.

Imaxes relacionadas