A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro clausurou a Xornada sobre a Formación Profesional Dual no ámbito marítimo-pesqueiro

A Xunta salienta a formación dual como unha boa fórmula para facilitar a incorporación da xente nova ao sector pesqueiro e impulsar a remuda xeracional

Susana Rodríguez destaca que o Ciclo Dual Superior de Máquinas impartido nos cursos 2019-2020 e 2020-2021 polo Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo en colaboración coa Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo logrou unha inserción laboral do alumnado superior ao 90%

O Executivo galego lembra que este tipo de accións formativas recrean as condicións reais que os alumnos se van atopar no mundo laboral, contribúen a fortalecer o sector e a facer máis atractiva a actividade para as novas xeracións

Vigo, 2 de decembro de 2021

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, enxalzou hoxe a importancia de apostar por unha formación profesional no sector pesqueiro que recree as condicións reais que se van atopar os alumnos no mundo laboral para facilitar a transición das escolas ao mercado de traballo e impulsar a remuda xeracional. A representante da Consellería do Mar salientou o éxito de experiencias como o Ciclo Dual Superior de Máquinas impartido nos cursos 2019-2020 e 2020-2021 polo Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo en colaboración coa Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI) e as súas empresas asociadas, que logrou unha inserción laboral de máis do 90% pois a maioría do alumnos atopou traballo a bordo de buques pesqueiros.
Susana Rodríguez lembrou durante a clausura da Xornada sobre a Formación Profesional Dual no ámbito marítimo-pesqueiro -organizada polo centro de formación dependente da Consellería do Mar e celebrada na sede de ARVI- que este ciclo de FP dual para o sector marítimo-pesqueiro foi pioneiro en España. Ademais destacou que esta formación permitiu aos alumnos aprender traballando nunha contorna real, percibindo unha remuneración, estando de alta no Réxime Especial do Mar da Seguridade Social e computando os días de embarque para a obtención do título profesional.
A directora xeral fixo fincapé en que accións formativas coma esta contribúen a fortalecer o sector marítimo-pesqueiro galego e a facer máis atractiva a actividade para as novas xeracións. Por iso, subliñou tamén a importancia de dalas a coñecer a través de xornadas como a celebrada na sede de ARVI pois permiten intercambiar experiencias arredor da aprendizaxe práctica e das posibilidades de incorporar melloras no sistema de ensino para adaptalo ás necesidades do sector.
A representante da Consellería do Mar lembrou ademais que o Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo é o Centro de Referencia Nacional en materia de Pesca e Navegación, polo que enxalzou o esforzo e o labor realizado polo equipo docente ao tempo que agradeceu a implicación do tecido empresarial vencellado a ARVI e dos alumnos que participaron na formación.
A xornada organizada polo centro dependente da Xunta afondou na experiencia de FP Dual no ciclo superior de máquinas desenvolvida nos cursos 2019-2020 e 2020-2021, na que participaron unha ducia de alumnos. A distintas mesas celebradas permitiron analizar a xestación e execución do proxecto, a posta en práctica da docencia tanto no instituto como a bordo, tralo embarque do alumnado, e as experiencias noutros sectores así como os problemas atopados, as súas solucións e distintas propostas de mellora para avanzar neste eido.

Imaxes relacionadas