Fabiola García destaca que os orzamentos da Xunta para o 2022 inclúen o maior investimento da historia de Galicia para as persoas con discapacidade

Os fondos destinados a este ámbito ascenderán aos 141,7 millóns de euros, un 12,5% máis que no actual ano

Incidiu na importancia de erradicar estigmas que aínda circulan na sociedade e na necesidade de empregar a terminoloxía correcta, “sexa no texto que sexa”
 

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou que o apoio da Xunta á discapacidade tradúcese no maior investimento da historia nos orzamentos do 2022. Os fondos destinados a este ámbito ascenderán aos 141,7 millóns de euros, un 12,5% máis que no ano actual. Esta mañá participou no acto institucional en conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que se celebra mañá venres, e no que participaron as entidades que conforman o Cermi Galicia.

A conselleira sinalou que “para que todas as persoas teñan a oportunidade de gozar, de ser distintas, de ser iguais, de ensinar, de superar ou de sumar é preciso contar cunha administración á altura, cun tecido asociativo forte que coñeza as necesidades das persoas con discapacidade” e tamén “é preciso trasladarlle á sociedade que ningunha persoa é igual a outra e que todos temos capacidades diferentes que nos fan diversos e iguais”, afirmou.

Fabiola García apuntou que a Xunta deposita no tecido social galego toda a confianza por demostrar cada día que coñecen á perfección as necesidades das familias e persoas con discapacidade. Neste sentido, lembrou que no vindeiro ano reforzarase esta colaboración ao incrementárense nun 65% os fondos do 0,7% do IRPF ata os 10 millóns de euros e ao creárense 280 novas prazas de atención, que permitirá chegar ás 5600 prazas en toda Galicia.

Erradicar falsos estigmas

Durante a súa intervención, a conselleira tamén resaltou que é preciso erradicar todos aqueles falsos estigmas que aínda seguen circulando na sociedade sobre as persoas con discapacidade, como por exemplo a sobreprotección ou infantilización. Tamén convidou a empregar a terminoloxía axeitada. “Non existen persoas diminuídas, existen persoas con dereitos e con necesidades”, sinalou en referencia ao artigo 49 da Constitución que as entidades levan anos demandando modificar.
 

Imaxes relacionadas