A Xunta pon en valor o traballo das casas niño para garantir que os nenos teñan a posibilidade de medrar no rural

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou hoxe a casa niño A Parruliña

O Goberno galego destinará máis de 2,3 millóns a estes recursos de conciliación no rural, fronte aos máis de 2,1 millóns destinados en 2021

Taboadela (Ourense), 2 de decembro de 2021

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou hoxe as pequenas e pequenos da casa niño A Parruliña do concello ourensán de Taboadela. Alí destacou o gran labor de conciliación que se leva a cabo nestes centros, que conseguen que os nenos poidan medrar dun xeito integral e máis saudable no rural.

O representante autonómico destacou que a Xunta de Galicia vai destinar no ano 2022 máis de 2,3 millóns de euros a estes recursos de conciliación no rural fronte aos máis de 2,1 millóns investidos en 2021.

Ademais, lembrou que son xa en Galicia 90 os centros de atención a nenos de entre 0 e 3 anos que hai repartidos por toda a Comunidade, e que este é un servizo fundamental para a conciliación familiar. Trátase dunha iniciativa pioneira do Goberno galego para os concellos de menos de 5.000 habitantes que ten especial presencia nas provincias de Lugo e de Ourense, e do que poden beneficiarse un máximo de 5 rapaces de ata 3 anos sen custo ningún para as familias.