O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou hoxe o equipamento acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias

A Xunta salienta a importancia do centro sociocomunitario da Milagrosa como espazo de encontro favorecedor dun envellecemento activo

Desenvólvense obradoiros de ximnasia con música, tai chi, inglés, cestaría e encaixe de palillos

Lugo, 2 de decembro de 2021

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, salientou hoxe a importancia dos centros sociocomunitarios como espazos de encontro favorecedores dun envellecemento activo e saudable. Díxoo durante unha visita ao equipamento da Milagrosa, na que estivo acompañado do delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias.

Arturo Parrado sinalou que o Executivo autonómico seguirá a apostar pola dinamización deste tipo de centros, ao considerar que “teñen unha función fundamental como lugares de convivencia e de ocio”. Neste sentido, indicou que o obxectivo é que estas instalacións acollan cada vez máis actividades, sempre coas limitacións e todas as precaucións que aconselle a situación epidemiolóxica.

O director xeral puido comprobar os diferentes programas que, nestes momentos, se levan a cabo no centro da Milagrosa: ximnasia con música, tai chi, inglés, cestaría e encaixe de palillos. O centro tamén acolle actividades para maiores organizadas pola Cruz Vermella; e prevese que se retomen os cursos de informática e outras actividades coa Fundación La Caixa; así como os grupos de apoio escolar con Secretariado Gitano.

Ademais, o centro serve de local de ensaio para a coral Xolda e, habitualmente, o utiliza a Fundación Juan Soñador para reunións e charlas. Así mesmo, a infraestrutura dispón de servizo de podoloxía, biblioteca e zona de faladoiro.

Imaxes relacionadas